O candidato socialista apela á mobilización cara o 12X para “non arrepentirnos durante os próximos catro anos”
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, estivo hoxe en Baiona, onde apelou á mobilización de “todos os galegos” o vindeiro 12 de xullo.
“Xogamos o futuro. Non servirá arrepentirnos catro anos se o PP de Feijóo segue, con recortes e reducindo as posibilidades de futuro de Galicia”, advertiu o líder dos socialistas galegos, quen chamou a “pasar páxina á etapa dos recortes de Feijóo”. “O cambio é máis necesario que nunca”, arengou.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero indicou que o 12 de xullo xógase “se Galicia avanza cara o progreso, o benestar, a igualdade real entre homes e mulleres, a defensa das persoas máis vulnerables” ou “se Galicia mantén a liña de Feijóo de deixar unha Galicia cada vez máis cativa”.
Neste senso, denunciou o recorte de Feijóo de máis de 2.000 millóns de euros na sanidade pública, o peche dun millar de camas hospitalarias, a destrución de 70.000 empregos en Galicia antes da chegada da covid… “O 12 de xullo é unha oportunidade para o futuro, e nós estamos preparados para un cambio con garantías”, profundou.
“Os socialistas queremos unha Galicia de oportunidades e de prosperidade, comprometida co estado do benestar”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, para facer un chamamento a que a maioría progresista que existe en Galicia “non quede na casa” o 12 de xullo. “As nosas receitas son máis necesarias que nunca”, concluíu.
BENESTAR E PROGRESO
Ademais, Gonzalo Caballero recordou como sempre foron os gobernos socialistas os que tomaron medidas a prol da cidadanía, “a diferencia do que ocorre cando goberna a dereita”, e puxo en valor “o quinto piar” do estado do benestar que acaba de aprobar o goberno de España, o ingreso mínimo vital.
Do mesmo xeito, reivindicou a labor dos concellos progresistas e enxalzou a forza municipalista do PSdeG, que ten un alcalde ou alcaldesa en cinco das sete cidades galegas e un presidente ou presidenta en tres das catro deputacións. Por tanto, pediu “non ter medo á dereita” porque “somos máis e somos mellores”.
“ILUSIÓN E FUTURO”
En paralelo, o secretario provincial do PSOE en Pontevedra, David Regades, destacou que Galicia “necesita a ilusión e o futuro” que representa Gonzalo Caballero, cuxo “único interese é mellorar a vida dos galegos e das galegas”. É por iso que augurou que será “o próximo presidente da Xunta”, do mesmo xeito que un ano atrás vaticinou no mesmo escenario que os candidatos de Baiona, Gondomar e Nigrán se converterían en alcaldes.
Ademais, amosou o seu “orgullo” pola candidatura socialista de Pontevedra, “formada por mulleres e homes que son grandes profesionais cada un no seu ámbito”, máxime en contraste coa lista que presenta o PP. “Candidatos que veñen e van, que un día son delegados da Xunta, ao día seguinte cesan para ir na lista, ao día seguinte retornan ao despacho e despois volven cesar… candidatos de chaqueta reversible”, resumiu.
“O CAMBIO CHEGARÁ A GALICIA”
De paso, David Regades ironizou coa visita de Feijóo “para falar de industria” a unha instalación da Zona Franca “porque a Xunta carece de política industrial”. “Cando Gonzalo sexa presidente, cantas cousas poderemos facer pola industria galega da man do goberno galego colaborando co goberno de España”, finalizou.
Tamén interveu a número dous da candidatura de Pontevedra, Isaura Abelairas, quen puxo en valor “o entusiasmo e a paixón” de Gonzalo Caballero e o seu compromiso na defensa dos servizos públicos fronte á concepción de Feijóo de que o público é “negocio”.
Pola súa banda, o anfitrión do acto, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, augurou que “o cambio chegará a Galicia” o 12 de xullo liderado por Gonzalo Caballero e, con el, “a garantía dos dereitos e da prosperidade” e a conexión cos concellos aos que Feijóo “deixou de lado” durante a crise da covid.