O candidato socialista subliña que “nos xogamos o futuro do noso país” e chama aos galegos e galegas a sumarse a un rumbo progresista para Galicia: Faino por Galicia. Faino por ti
Santiago, 31 de maio de 2020. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “agora é máis necesario que nunca” dar “unha etapa progresista” a Galicia para remontar esta situación de crise derivada da covid cunha nova “folla de ruta” que defenda os servizos públicos e configure unha nova política económica para reconstruír Galicia defendendo os intereses da cidadanía.
“Para que ninguén quede atrás”, formulou, e apostou por construír “unha Galicia de progreso e benestar que defenda os intereses da cidadanía e que aposte por unha sanidade pública, universal e gratuíta e por fortalecer o estado do benestar”.
“Queremos facer esa Galicia co conxunto dos galegos, porque nos xogamos o futuro do noso país”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que o 12X decidirase “o presente e o futuro no que queremos vivir”.
Nese senso, Gonzalo Caballero avogou por dotar a Galicia da capacidade de “recuperar unha nova normalidade” na que haxa “máis emprego, máis benestar e mellores servizos sociais”.
“Queremos un cambio de progreso que abra en Galicia unha nova etapa”, apostilou o máximo dirixente do PSdeG, antes de chamar aos galegos a involucrarse nesa tarefa de “reconstrución do futuro”. “Faino por Galicia. Faino por ti”, concluíu, e resumiu así a apelación que dirixirá á cidadanía antes de que comece a campaña electoral para amosar o compromiso socialista coa resposta axeitada a esta crise en Galicia.
“MÁIS NECESARIO QUE NUNCA”
Gonzalo Caballero subliñou que a crise da covid amosou o “debilitamento” do servizos públicos cos gobernos do PP durante 11 anos, na sanidade, na educación, nos servizos sociais.
Por iso, afondou, “un cambio progresista na Xunta é máis necesario que nunca”: para poñer fin aos “recortes e privatizacións” na sanidade pública, para reverter o “dano” feito aos servizos públicos e para cambiar unha “política económica desnortada” que supuxo que con Feijóo destruíronse 70.000 empregos antes da chegada da pandemia.