O líder do PSdeG reproba que Educación non manteña “identidade propia” como consellería específica e subliña a “supresión sen pudor” de Industria do organigrama do goberno galego
Santiago, 7 de setembro de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu hoxe en que os cambios nas consellerías de Sanidade e Educación supoñen “un recoñecemento pola vía dos feitos do fracaso” na xestión, ao tempo que criticou que Feijóo optara pola continuidade á fronte de Política Social para utilizar á conselleira como “muro de contención” ante a petición de creación dunha comisión de investigación que afonde no acontecido nas residencias de maiores durante a primeira vaga da covid.
Ademais, o líder socialista lembrou que Feijóo vén de “restar peso político” a Alfonso Rueda, que queda “debilitado” ao desaparecer como único vicepresidente despois de ser “o responsable de coordinar o traballo e a xestión da pandemia. Esta nova “rectificación” de Feijóo, afondou, é unha mostra máis da asunción do “fracaso” da Xunta nos eidos fundamentais da loita contra a covid.
“Todo aquelo que dixo Feijóo estes meses era unha farsa”, concluíu Gonzalo Caballero, quen desexou agora “todos os acertos ao novo goberno” fronte á complexa situación á que terá que facer fronte. Iso si, cuestionou a “continuidade” da maior parte dos conselleiros dun goberno “esgotado” nun momento no que fan falla “novos proxectos e ideas” para a reconstrución.
A maiores, o secretario xeral do PSdeG criticou que o departamento de Educación non manteña “identidade propia”, toda vez que volve estar vinculada a Cultura. “Semella que queren esconder Educación nun momento no que os pais e as nais estamos moi preocupados”, censurou, ao tempo que considerou unha decisión carente de “lóxica” que Turismo pase agora a mans da consellería de presidencia.
Así mesmo, xulgou como outra “mala” noticia ”a supresión sen pudor” da carteira de Industria do executivo galego. “Tras once anos de fracasos e ausencia total de políticas industriais, desaparece xa de forma pública e notoria ata o nome de Industria nesta nova estrutura”, lamentou Gonzalo Caballero. Con esta decisión de Feijóo, afondou, xa non queda “nin un atisbo” da “nula” importancia que o goberno popular lle outorga as competencias en materia industrial.
En paralelo, o dirixente socialista censurou que para o PP a Igualdade non sexa máis que “un apéndice”, ao situar esta materia xunto a Emprego.
“CAMBIO DE CROMOS”
Neste escenario, Gonzalo Caballero reclamou que os cambios levados a cabo “non se limiten a un cambio de cromos con claves do PP”
Así, remarcou o socialista, fan falla novas políticas de emprego en Galicia trala perda de 70.000 ocupados mentres en España se creaban 650.000; e fai falla apostar polos servizos públicos.
Ao fío diso, recordou que o novo conselleiro de Sanidade, ata o de agora xerente da área sanitaria de Vigo, foi “o responsable de cesar” a unha xefa de servizo por denunciar a falta de material de protección e a necesidade de usar máscaras no hospital e nas consultas. Caballero propuxo unha política de fortalecemento da sanidade pública e desexou “os maiores acertos” ao novo responsable da política sanitaria.