O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no debate sobre a reforma do Regulamento do Parlamento coa que se garante o seu funcionamento mesmo en situacións de pandemia e se asegura que a Cámara “estea sempre en condicións de atender as demandas do país”.
Os socialistas apoiaron esta reforma, aprobada por unanimidade e avalada polos servizos xurídicos da Cámara, dende a “vontade de cooperar” que manifestou Gonzalo Caballero. Así, o texto pactado incorpora vías de participación non presenciais en caso de producirse “unha situación grave de afectación da poboación declarada polas autoridades sanitarias públicas competentes”. Por tanto, explicou, que cos reforma “elimínase calquera risco” de que o Parlamento tivese que paralizarse por unha “situación de eventualidade que agardamos que non se produza”.
Apuntou que “é o momento de garantir que o Parlamento sempre estea en condicións de darlle resposta ás demandas da cidadanía”, por canto é a “institución fundamental” do país que garante así “a súa capacidade de darlle resposta aos problemas de Galicia ante calquera eventualidade”.
Gonzalo Caballero reivindicou hoxe o papel da política “máis necesaria que nunca” e mesmo “fundamental en tempos de pandemia” fronte a calquera discurso populista, extremista ou antisistema.
Fixo un chamado a “adecuar ás institucións aos tempos que vivimos” e “ante calquera eventualidade” que se poida producir “nas próximas semanas ou meses, e nos próximos tempos” como consecuencia dos “momentos de incertidume e imprecisión” derivados da pandemia do coronavirus.