O secretario xeral resalta o “compromiso” dos PGE con Galicia, cunha inversión por cada galego que supera á que hai por “catalán, andaluz, valenciano ou madrileño”
Guillermo Meijón destaca que a inversión dos orzamentos do Estado en Galicia sube un 62% ao descontar os fondos do AVE, que remata este ano, e critica que o BNG estea instalado no “non a todo”
O líder do PSdeG urxe a fortalecer o sistema de rastrexo, a atención primaria e as axudas aos sectores afectados nesta fase de relaxación das restricións e reclama “transparencia e responsabilidade” a Feijóo
Santiago, 5 de decembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe xunto co coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, para destacar a importancia de que os Orzamentos Xerais do Estado, “os máis sociais” da historia do noso país, saian adiante.
Trala aprobación das contas no Congreso esta semana, Gonzalo Caballero reprobou que as dereitas e o BNG utilizaran “un relato falaz” para opoñerse e advertiu de que esa posición é “un erro histórico”. “O BNG errou ao poñerse ao lado do ‘trío de Colón’, porque votar en contra destes orzamentos é votar en contra da suba das pensións, do aumento do gasto social, da rebaixa das peaxes da AP-9, de acabar o AVE a Galicia e de sacar o país adiante nun momento tan complexo”, recalcou.
“O nacionalismo galego errou ao opoñerse a uns orzamentos que teñen unha inversión por galego máis alta que a media do Estado”, incidiu o líder do PSdeG, amosando unha gráfica que reflicte que a inversión por persoa en Galicia acada os 308 euros fronte aos 258 euros de media. Ademais, recalcou, a contía por habitante no noso país é superior á que se destina a cada catalán (260 euros), andaluz (255 euros), valenciano (233 euros) ou madrileño (188 euros).
“Os orzamentos do Estado incorporan unha aposta e un compromiso coa cohesión territorial”, subliñou Gonzalo Caballero, quen deixou claro ademais que estas contas “son positivas para Galicia” tanto no que atinxe á inversión como ao feito de que “teñen a prioridade nas persoas”. “Nunha comunidade con máis pensionistas e dependentes que a media, isto é moi necesario”, recalcou, e indicou que as inversións en Galicia medran con respecto a orzamentos anteriores descontando o efecto do AVE.
Ao fío diso, o máximo dirixente do PSdeG resaltou que o goberno de Pedro Sánchez será o da rebaixa “histórica” da AP-9, cuxa concesión prorrogou durante décadas o goberno de Aznar; e o que finalice as obras do AVE a Galicia, que Rajoy e Ana Pastor “conxelaron” entre 2014 e 2017.
“NON A TODO”
Pola súa banda, o coordinador dos socialistas galegos no Congreso lamentou a postura do BNG do “non a todo”, vista a súa falla de apoio aos Orzamentos Xerais do Estado, á comisión de reconstrución, ao Pacto de Toledo, á Lei de educación… “Menos mal que o resto de forzas progresistas nos arremangamos para sacar o traballo adiante”, agregou Guillermo Meijón.
Ademais, o deputado socialista censurou a “falacia argumental” utilizada polo BNG para rexeitar as contas estatais, alegando que prefería os últimos orzamentos de Montoro. “Descontando os 475 millóns de euros da inversión do AVE en 2018, estes orzamentos suben un 62% os fondos para Galicia”, recalcou, consciente de que o goberno de Rajoy “maquillaba” as contas con partidas que non executaba.
Así pois, cargou contra a “actitude obstrucionista” do BNG “na peor crise” que atravesou o noso país nun século, cunha postura de “dicir non a todo para que nada saia adiante”. “Foron a única forza progresista que cometeu a frivolidade de presentar unha emenda á totalidade do orzamento”, criticou Meijón, toda vez que non ter contas públicas tería fondas consecuencias e dificultaría o acceso aos fondos europeos.
LEVANTAMENTO DAS RESTRICIÓNS
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG puxo o foco na relaxación das restricións para conter o virus durante a ponte e celebrou que a Xunta “seguise as nosas instrucións” e finalmente decidira blindar a comunidade. “Era unha inconsistencia manter que se puidera vir de Madrid a Baiona pero non ir a Baiona dende Vigo”, enfatizou.
Neste contexto, Gonzalo Caballero rexeitou impoñer un confinamento como o que pediu o BNG hai case un mes sen que así o avale o comité clínico, pero requiriu que esta fase de apertura leve aparellada o fortalecemento do sistema de rastrexo e da atención primaria.
A maiores, urxiu axudas para os sectores económicos máis afectados pola pandemia, como a hostalería, á vista de que “aínda hoxe nin un só hostaleiro galego ingresou un só euro polas axudas directas da Xunta”.
Ademais, reclamou a Feijóo “transparencia” nos datos, deixando atrás o “escurantismo”, e “responsabilidade” nas súas declaracións cuestionando as decisións do consello interterritorial de Sanidade do que Galicia tamén forma parte.