O secretario xeral chama a dar a batalla fronte a “unha multinacional que se encheu de cartos públicos” e que agora non pode “vetar” a venda para eliminar competencia
Xove, 27 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe en Xove na marcha convocada en defensa dos postos de traballo de Alcoa San Cibrao e, dende alí, sinalou que o hai que contemplar “todas as vías legais de presión e de intervención para que a venda da factoría se faga realidade”.
“O goberno de España traballa nesa dirección e a Xunta debe colaborar lealmente. Temos que dar a batalla de forma conxunta, con responsabilidade por parte de todos”, remarcou o líder socialista, partidario de facer fronte a “unha multinacional que se encheu de cartos públicos e que está amosando un nivel de irresponsabilidade que non é admisible”.
“Temos que facer un esforzo entre todos para que se manteña a actividade e o emprego en San Cibrao”, remarcou o mesmo día en que todos os actores están pendentes das últimas horas de negociación. “O goberno de España acadou un inversor cun proxecto viable para a planta, e hai que conseguir que ese acordo sexa unha realidade”, manifestou.
Así pois, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “todas as administracións teñen que traballar pola viabilidade da planta de Alcoa” en San Cibrao e en que “unha compañía que recibiu centos de millóns de euros de fondos públicos non pode xogar a vetar” a venda para eliminar competencia.