Lamenta que estas declaracións se realicen “o mesmo día no que Feijóo recoñece que non consegue médicos de cabeceira e que non ten solucións para a Atención Primaria”
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, rexeita o “ataque irresponsable e inadmisible” do conselleiro de Sanidade ás defensoras e aos defensores da sanidade pública tras dicir que “deslexitiman” o sistema, a raíz de ser preguntado pola mobilización en defensa do Hospital Comarcal de Valdeorras convocada para o próximo domingo no Barco.
“É gravísimo que o mesmo día no que Feijóo recoñece que non consegue médicos de cabeceira e que non ten solucións para a Atención Primaria, o seu conselleiro de Sanidade ataque gratuitamente a milleiros de galegos e galegas que defenden nas rúas a sanidade pública galega dicíndolles que eles desprestixian o sistema”, censurou o dirixente socialista.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero lembrou a “referencia” que supuxo para todos os galegos e galegas o paridoiro de Verín, xa que “sen a mobilización cidadá, o paridoiro desaparecería”. “Foi unha loita de todos os galegos e galegas na defensa da sanidade pública e en contra dunha decisión política que nada tiña que ver con criterios médicos ou técnicos”, incidiu o socialista.
Neste sentido, o voceiro parlamentario das e dos socialistas galegos criticou o “desacerto” por parte do máximo responsable da sanidade pública galega á hora de realizar estas declaracións que chegan xusto “na mesma data” en que o presidente da Xunta admite o “risco de colapso” da sanidade pública galega “como consecuencia de 12 anos de recortes do PP”.
Por último, o responsable socialista anunciou o apoio do Grupo Parlamentario Socialista á manifestación para reclamar máis servizos para o Hospital Comarcal de Valdeorras. “É hora de que Feijóo cambie as políticas sanitarias do Sergas e aposte de verdade pola sanidade pública galega”, concluíu.