O secretario xeral asegura que os socialistas liderarán “gobernos de progreso” onde os votos o permitan fronte a un PP que segue acadando pactos con Vox
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe a primeira xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega dende as eleccións municipais e europeas para poñer en valor o éxito obtido nesta nova cita coas urnas e analizar os datos polo miúdo.
Ao termo do encontro, nunha comparecencia ante os xornalistas, Gonzalo Caballero explicou que a posición política do PSdeG pasa por “liderar gobernos de progreso” alí onde os votos o permitan fronte a un PP que segue “optando por pactos con Vox”, como está ocorrendo en Madrid. “O PP perdeu a centralidade e a credibilidade para representar á maioría”, sinalou.
Ao fío destas afirmacións, nunha data histórica na que a validación do escrutinio ratificou que o PP perdeu a maioría absoluta na Deputación de Ourense, o líder dos socialistas galegos emprazou a Albert Rivera a indicar ao seu deputado provincial que ten que apoiar “o cambio de ciclo” que está pedindo a cidadanía.
“Os socialistas estaremos á altura das circunstancias para posibilitar un goberno de progreso tanto na cidade coma na provincia de Ourense”, remarcou Gonzalo Caballero, antes de chamar ao resto de forzas de políticas a estar igualmente “á altura”. “Tras décadas de política caciquil, de nepotismo e dun goberno reaccionario na Deputación de Ourense, hai unha oportunidade histórica para o cambio”, advertiu.
“ABRIR AS FIESTRAS”
Nese senso, o máximo dirixente do PSdeG recordou o discurso de Albert Rivera en prol “da rexeneración e da limpeza política” e fixo fincapé en que Ciudadanos ten na Deputación de Ourense “a proba de fogo” da credibilidade da súa posición política. “Ou quere ser o bastón de apoio dun caciquismo sentenciado?”, inquiriu.
Toca, segundo as palabras de Gonzalo Caballero, “abrir as fiestras” nesa institución, na que a política pola que foi inhabilitado José Luis Baltar tivo continuidade na figura do seu fillo, Manuel Baltar. Persisten, dixo, “o mesmo modelo político clientelar, coas mesmas eivas e os mesmos vicios”, polo que urxiu “alternancia”. “Os socialistas traballaremos arreo para que ese cambio sexa posible”, concluíu o líder do PSdeG.