O secretario xeral pide manter “o esforzo de mobilización masiva” nos vindeiros comicios porque “a ameaza das tres dereitas segue sobre a mesa”
Santiago, 2 de mario de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha primeira xuntanza de traballo cos deputados e senadores socialistas que saíron elixidos o pasado domingo e aproveitou para criticar “o exercicio de escaparatismo” do PP ao cuestionar agora a Vox.
“É un postureo que toda a sociedade española e galega sabe que non é sincero”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que o PP pactaría con Vox “se lle deran as contas”. De feito, retou a Feijóo a “ser claro” e dicir que “rexeita calquera pacto coa ultradereita” tralas vindeiras eleccións municipais.
“Feijóo abandonou a moderación ao bendicir o pacto con Vox en Andalucía”, incidiu o xefe de filas dos socialistas galegos, non sen recordar que “Feijóo chegou a dicir que ese acordo o subscribiría calquera”.
Ao fío disto, e dado que, cos resultados do pasado domingo, Vox entraría no Parlamento galego de seren uns comicios autonómicos, Gonzalo Caballero amosou a súa “preocupación” por eses pactos do PP coa ultradereita. É por iso que apelou “á maioría de progreso” que existe en Galicia a seguir combatendo ese tipo de acordos.
Así, coa vista posta nas eleccións municipais, o secretario xeral do PSdeG volveu pedir “un esforzo de mobilización masivo”, xa que “a ameaza das tres dereitas segue sobre a mesa” e “tentarán acadar máis espazos políticos”. “E todos e todas sabemos que o PP aceptaría os votos da ultradereita se lle deran as contas”, apostilou.
140 ANOS DO PSOE
En paralelo, o líder dos socialistas galegos sinalou que o partido cumpre hoxe 140 anos, polo que celebrou “unha data que nos enche de orgullo polo traballo feito para promover unha sociedade máis xusta e con máis avances sociais”.
Díxoo na semana na que se referendou nas urnas que “a sociedade galega e a sociedade española queren seguir avanzando da man do Partido Socialista. Por iso, avanzou traballo para “encarar con forza” as eleccións municipais e europeas.