O secretario xeral recorda que trasladou “máis de duascentas veces” a Feijóo que os fondos se transferirían antes de finais de ano, polo que agora queda “espido e sen discurso”
Pontevedra, 21 de setembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a cidade de Pontevedra para percorrer a feira de emprendemento Pont-Up. Dende alí, reivindicou que o goberno socialista “cumpre” coas comunidades e co financiamento autonómico fronte ás “falsidades” da dereita.
“Feijóo queda espido e sen discurso”, evidenciou Gonzalo Caballero tras o anuncio do ministerio de Facenda de actualizar as entregas a conta, non sen recordar que “dixemos máis de duascentas veces” que a transferencia deses fondos das comunidades autónomas “estaba garantida” para antes do final do ano.
Ao fío disto, o líder do PSdeG lamentou o “teatriño de confrontación” protagonizado por Feijóo neste tempo para tentar acadar “réditos electorais” cando “os socialistas somos a mellor garantía para o Estado das Autonomías”.
De feito, Gonzalo Caballero contrastou o “compromiso” do goberno de Pedro Sánchez coas autonomías cos “recortes” que poñería en marcha “a coalición da dereita coa ultradereita” da que forman parte “Pablo Casado, Cayetana Álvarez de Toledo e Abascal, coa complicidade de Feijóo”.
Estas declaracións do máximo dirixente dos socialistas galegos tiveron lugar en Pontevedra, onde visitou xunto co Grupo Municipal Socialista, a feira de emprendemento Pont-Up, que “reflexa a capacidade de innovación e de xerar coñecemento e actividade empresarial nova” na cidade do Lérez.