O secretario xeral do PSdeG propón, no inicio do curso político, “tres grandes pactos de país” para fortalecer os servizos públicos, modernizar a economía galega e pór ás institucións ao servizo das persoas
O líder do PSdeG destaca que “Galicia quere ser locomotora da reconstrución” e por iso “as e os socialistas galegos temos que poñer toda a enerxía renovable necesaria para poñer esa locomotora en marcha e tirar de Galicia pensando nos galegos e galegas”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión Interparlamentaria do Partido dos e das Socialistas de Galicia na que participaron representantes socialistas nas diferentes cámaras parlamentarias.
Nun acto que serviu como apertura do curso político 2021-2022, Gonzalo Caballero reivindicou ao PSdeG como “barreira de contención fronte aos recortes do PP nos servizos públicos” cando “somos o impulso de modernización para a Galicia do futuro e a opción galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas que é quen de ter unha gran alianza co país, de forma transversal, para toda a cidadanía, para traballar por Galicia, en Galicia e para Galicia”.
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG lamentou a actitude dun goberno galego “que ningunea aos alcaldes cargándolles competencias impropias” sen dotalos de financiación. “É unha vergoña que a Xunta non traspase aos concellos nin un só euro dos fondos extra recibidos no 2021 pola pandemia”, censurou, “máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios neste ano que están nos petos de Feijóo”, en vez de “en mans da cidadanía”.
“Un PP que confronta co goberno central e antepón as estratexias partidistas de Pablo Casado aos intereses lexítimos dos galegos e galegas”, o que supón “unha sorte do día da marmota no que sempre hai un anuncio rechamante, unha promesa de novos proxectos ou un titular de louvanza a Feijóo, pero chega a mañá seguinte e a realidade segue a ser a de sempre”.
Así, lembrou, en Galicia, fronte ao autobombo de Feijóo, “seguimos a ter salarios e pensións máis baixas que a media, seguimos á cola das rexións europeas en competitividade e seguimos perdendo servizos públicos, sobre todo no rural”.
Neste senso, censurou a situación na que Feijóo está a deixar a Galicia interior. “Hai anos non había electricidade nas vilas de Galicia… Agora non hai telefonía móbil en moitos pobos” nin tampouco un “axeitado acceso a Internet”, ao que hai que engadir a exclusión financeira á que se están vendo expostas moitas galegas e galegos “sen banco ou caixeiro” nos seus municipios.
“Antes había que coller o autobús para ir ao médico; agora, podes coller un taxi, se tes os cartos para ir dun concello a outro para poder ter a atención dun pediatra para os teus fillos ou fillas”, denunciou.
“TRES GRANDES ACORDOS DE PAÍS”
Ante esta circunstancia, o líder do PSdeG sinalou que “non nos podemos resignar”, por iso “temos que traballar na alternativa de país” para Galicia, xa que “a xente sabe que o goberno do PP non ten capacidade” para modernizar e impulsar o futuro.
Por iso, Gonzalo Caballero propuxo “tres grandes pactos de país” que traballen en tres eidos: fortalecer os servizos públicos, modernizar a economía galega e pór ás institucións ao servizo das persoas.
FORTALECER A SANIDADE PÚBLICA
“Se o PP non quere chegar a un gran acordo de país para fortalecer a sanidade pública, faremos un gran acordo de país coas galegas e galegos de cada bisbarra e de cada concello cunha mobilización masiva en Galicia para impedir a senda de recortes e retrocesos porque coa sanidade pública galega non se xoga”, sentenciou.
Neste marco, os socialistas, subliñou, “somos e seremos os principais defensores daquilo que implica dereitos sociais para a nosa xente”.
MODERNIZAR A ECONOMÍA
En canto ao eido económico, o dirixente socialista subliñou que “non me vou conformar cun goberno da Xunta que marca unha pauta da reconstrución de Galicia baseada na inercia, no ralentí e sendo o vagón de cola”.
Así, destacou que “Galicia quere ser locomotora da reconstrución” e, neste marco, “as e os socialistas galegos temos toda a enerxía renovable necesaria para poñer esa locomotora en marcha e tirar de Galicia pensando nos galegos e nas galegas”.
PÓR AS INSTITUCIÓNS AO SERVIZO DAS PERSOAS
Por último, engadiu, “é necesario tamén un pacto para que as institucións galegas estean ao servizo das persoas” onde o municipalismo galego “sexa quen lidere a reactivación fronte a inacción e inactividade do goberno da Xunta”.
Ao tempo, recalcou, “hai que abordar a construción dunha carta de cidadanía” que proporcione “novos dereitos e liberdades para os galegos e galegas” e que sirva “como base para a actualización do estatuto de autonomía de Galicia”.
“UNIDOS SOMOS IMPARABLES”
“Todos os socialistas unidos somos imparables”, reivindicou Gonzalo Caballero. “Imparables para liderar a reactivación, traballar polas persoas e loitar polos servizos públicos e entendemos con claridade que a cidadanía quere que nos centremos nese proxecto de país que é tan necesario”, sentenciou.
Por iso, sinalou, “o substancial que nos une é a clave de construír esa Galicia mellor”. E, subliñou, “só hai unha forma, converxer en Galicia e facelo xuntos, cos galegos e coas galegas”.
“Aos únicos aos que quero derrotar nas urnas é a o PP de Feijóo e sei que podemos facelo xuntos, dende Bruxelas, dende Madrid, dende o Hórreo e dende as deputacións e os concellos”, reivindicou. “Xuntos: vós, eu, e todos os e as progresistas que queremos unha Galicia de progreso e emprendedora”.
OS PRÓXIMOS RETOS: AS MUNICIPAIS E AS XERAIS DE 2023
Por último, o líder do PSdeG sinalou que “o partido está preparado para que en 2023 poidamos defender os intereses dos galegos e galegas ao carón dos gobernos de progreso” e, nese marco, “o próximo reto electoral do PSdeG son as eleccións municipais e xerais” que se celebrarán en dous anos.
“Agora estamos centrados no prioritario: a reactivación, a modernización, a cohesión social. Somos e seguiremos sendo útiles a Galicia para traballar por Galicia” e, neste reto, “quero sumar con todos os progresistas”, concluíu.