O voceiro parlamentario do PSdeG participou esta mañá na manifestación convocada en Noia en contra do desmantelamento dunhas instalacións que dan emprego a 150 persoas
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou esta mañá na mobilización que percorreu as rúas da vila de Noia para esixir a continuidade da planta de reciclaxe de Lousame.
Alí, o líder socialista esixiulle ao goberno galego que se comprometa a colaborar no futuro das instalacións con dous obxectivos fundamentais: que contribúa a garantir a continuidade da planta tras a fin da súa concesión -prevista para o vindeiro ano- e que se manteñan todos os postos de traballo.
Nesta liña, Gonzalo Caballero quixo deixar patente “todo o apoio do PSdeG aos traballadores e traballadoras”. “Temos que manter eses postos de traballo, que son tan importantes para o emprego da bisbarra, e, dende logo, o persoal ten o compromiso e os respaldo de todos e todas as socialistas de Galicia para que a actividade da planta se poida manter e se poida modernizar”, subliñou.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero tamén reclamou o apoio do goberno galego e do conxunto das administracións públicas para garantir a actividade da planta e, en consecuencia, uns postos de traballo “que son tan importantes para toda esta bisbarra”.
“Sen dúbida”, remarcou o voceiro parlamentario do PSdeG, “sempre hai que facer investimentos para mellorar as plantas de reciclaxe” pero, en calquera caso, lembrou que a de Lousame “permite un gran volume de reciclaxe en todos municipios aos que presta servizo”. Na actualidade, a taxa de reciclaxe dos municipios asociados a Lousame é de 17 quilos por habitante e por ano, o que supón 5 puntos por riba da taxa galega.
Como mostra do compromiso socialista, Gonzalo Caballero lembrou que xa se presentaron diferentes iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar a continuidade da planta de Lousame. Nesta liña, Gonzalo Caballero recordou que “o PSdeG sempre apostou por estas instalacións, poñendo en valor o emprego que xera na comarca e a reciclaxe en proximidade, menos contaminante que outras factorías que operan en Galicia”.