O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista visitou hoxe a vila para trasladar o seu compromiso cos concellos pequenos: “hai que potenciar a Galicia interior”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta, xunto ao Grupo Municipal de Vila de Cruces, encabezado pola voceira María del Carmen Silva, recuperar o servizo de pediatría e potenciar as infraestruturas e educación no concello.
“Hai que potenciar a Galicia interior, xa que o rural de Galicia está a esmorecer pola falla de servizos públicos”, lamentou o dirixente socialista ao sinalar que o Sergas vén de eliminar o pediatra do concello, obrigando ás familias a desprazarse a concellos veciños para poder acceder a este servizo.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero lamentou o “abandono” ao que está sometendo Feijóo aos pequenos concellos cando “cada vez teñen menos servizos”. Neste senso, o responsable socialista urxiu a potenciar a educación pública “para que as familias poidan quedarse na vila”.
Por último, o voceiro do Grupo Parlamentario Socialista instou ao goberno galego a mellorar as infraestruturas, especificamente, a estrada PO-960 xa que se atopa “completamente abandonada”.