O voceiro de Economía do PSdeG na Cámara galega evidencia o balance da xestión de Feijóo: “é o de matar a vivenda protexida, deixar sen executar 400 millóns de euros nesta materia e levar a comunidade á menor porcentaxe de vivenda protexida de España”
O PP rexeita nove propostas concretas de mitigación da incidencia dos gastos de vivenda nos fogares con menos recursos económicos
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta xerar un “escudo habitacional” tralo seu “suspenso notorio” en política de vivenda. Así o fixo durante a defensa ante o pleno do Parlamento dunha moción encamiñada a mitigar a incidencia dos gastos da vivenda nos fogares con menos recursos económicos.
“É necesario que o vindeiro presidente da Xunta reverta o fiasco que supuxo Feijóo en 13 anos”, sinalou o dirixente socialista. En concreto, evidenciou “o abandono” en materia de vivenda do Executivo galego en cuestións como a evolución das vivendas protexidas, “que foi en caída constante” dende o ano 2011 con “datos alarmantes”, chegando mesmo no ano 2015 a construír “só dúas vivendas protexidas en toda Galicia”.
Ante o rexeitamento da moción por parte do PP, Gonzalo Caballero reprobou que “non teñan a decencia política de apoiar unha política de vivenda digna para defender á xente que o está pasando mal” e trasladou a súa “perplexidade” cando “o PP di que asumiu unha herdanza envelenada”. “Están recoñecendo a inacción de Feijóo” durante máis dunha década de xestión, recalcou.
De feito, resumiu que o balance de Feijóo “é o de matar a vivenda protexida, deixar sen executar 400 millóns de euros nesta materia e levar á comunidade autónoma ao menor porcentaxe de vivenda protexida de toda España”. “Vostedes son os da vivenda libre, os que permiten que os que teñen moito poidan ter moitas vivendas e os que teñen menos, teñan máis dificultades”, sentenciou o socialista.
Así, censurou a política de vivenda libre de Aznar, que agora “dá o campanazo” na Comunidade de Madrid porque “permite comprar grandes mansións a través das corruptelas dos amigos do Partido Popular que se enriqueceron en tempos da pandemia” mentres “deixaron a tanta xente indefensa”.
NOVE MEDIDAS CONCRETAS
Neste escenario, Gonzalo Caballero formulou unha batería de nove medidas concretas que permitirían “dar un impulso” ás políticas de vivenda e protección social da Xunta e crear un “escudo habitacional e social”. Entre elas, pediu complementar o programa do bono eléctrico estatal “para chegar a máis familias vulnerables” e incrementar as súas contías; así como incrementar as axudas de emerxencia social para atender os gastos de subministracións básicas vinculadas á vivenda en fogares con carencias materiais severas, como por exemplo potenciando o bono social térmico.
Neste sentido, requiriu un programa potente de axudas aos gastos de alugueiro para as familias e persoas con máis dificultades, comprometendo axudas directas ao alugueiro que complementen as establecidas no Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 e as xa previstas no bono social de alugueiro; establecer un programa de axudas á emancipación xuvenil; e garantir unha vivenda digna a todas as mulleres vítimas de violencia machista.
Así mesmo, o deputado socialista propuxo desenvolver un programa que garanta que as familias galegas non queden sen vivenda nin subministracións básicas por causas económicas obxectivables derivadas do actual incremento excepcional de custes por mor da crise; así como un programa de vivendas sociais de alugueiro e unha aposta pola vivenda protexida nas distintas bisbarras.
A maiores, reclamou ao goberno galego que potencie e desenvolva os programas estatais de rehabilitación de vivendas que remiten fondos finalistas a Galicia dende o goberno do Estado e que os complemente con programas específicos da Xunta.
“É O MOMENTO DA EMPATÍA”
“É o momento de empatía, da sensibilidade e de conectar con tantos galegos e galegas”, subliñou o socialista, quen reclamou ao Executivo galego que “adopte medidas” e “asuma as súas competencias” porque “é o momento de facer as cousas mellor”. “Goberne Galicia”, remachou Gonzalo Caballero, replicando ao actual vicepresidente da Xunta, presente no pleno: “ese é o reto que ten vostede: mellorar todo aquilo que en 13 anos de Feijóo foi a peor en Galicia”.
REIVINDICA O ACORDO EN BRUXELAS PARA BAIXAR O PREZO DO GAS
Neste contexto de requirir medidas excepcionais nesta crise, Gonzalo Caballero puxo en valor o acordo acadado nas últimas horas polos gobernos de España e Portugal en Bruxelas que permitirá limitar o prezo do gas para electricidade. O mecanismo de intervención, que terá unha vixencia de doce meses, busca conter o precio da electricidade para as familias.
Ademais, resaltou que o goberno de España aprobou estes días un cambio no bono social eléctrico para elevar os límites de renda, a fin de que este poida chegar a máis familias en situación de vulnerabilidade e, ao tempo, incorporar aos perceptores do Ingreso Mínimo Vital.