O voceiro socialista amosa a súa preocupación ante a carencia de vacinas fronte á gripe en Galicia e achaca á Xunta “problemas de xestión” a pesares das súas promesas
Chama a “reforzar e priorizar” as universidades públicas galegas e a desincentivar a aposta por un centro privado que duplicaría titulacións supoñendo ineficiencias e riscos para o sistema universitario de Galicia
O voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na comparecencia dos reitores das tres universidades públicas galegas na comisión da reconstrución para sinalar a importancia da universidade á hora de afrontar “os moitos retos que temos por diante” na saída desta crise sanitaria, económica e social.
Precisamente ao fío diso, Gonzalo Caballero amosouse “moi preocupado” ante os datos trasladados polos reitores sobre as renuncias de alumnos a causa da crise. “Acéndenos todas as luces de alarma”, advertiu, consciente do “risco” de que a situación económica derivada da covid trunque o desenvolvemento da nosa mocidade. Así pois, urxiu á Xunta a poñer en marcha medidas encamiñadas a que “ningún estudante teña que renunciar á súa formación”.
Outro “problema de xestión” por parte do goberno galego que detectou o líder do PSdeG é a falla de vacinas fronte á gripe antes de rematar a campaña de vacinación, a pesares das promesas da Xunta en relación á súa extensión.
En paralelo, Gonzalo Caballero puxo o foco na importancia do sistema universitario galego na tarefa da reconstrución de Galicia e, nesa liña, chamou a “reforzar e priorizar” os centros públicos e a desincentivar a aposta por unha universidade privada que implique ineficiencias e riscos.
Sobre todo, como explicou o secretario xeral do PSdeG, porque a apertura deste centro solaparía titulacións e, con apenas unha vintena de docentes estables, conlevaría “un risco” para a calidade dos estudos superiores en Galicia.
REFORZO DE PROFESORADO E MESTRADOS
A maiores, Gonzalo Caballero avogou por “potenciar” o sistema de mestrados e por rexuvenecer as plantillas de profesorado, consciente de que existe “un déficit” de persoal docente e investigador nas universidades galegas, máxime no que atinxe á incorporación de docentes máis novos.
Tamén remarcou a súa aposta por un incremento dos fondos públicos para a I+D+i, co obxectivo de que Galicia consigne a este fin o 1,5% do PIB en dous anos.
Finalmente, preguntou aos rectores sobre o sistema de financiamento universitario en Galicia, así como sobre os fondos extraordinarios derivados da covid que chegaron ás universidades galegas tanto por parte do goberno de España como da Xunta.
Ao respecto, os reitores sinalaron que foron 10,9 millóns de euros os que as universidades recibiron de partidas de fondo covid do Estado, por tres millóns de euros de fondos propios da Xunta.