O secretario xeral require ao goberno galego dende A Pontenova que “deixe de dar as costas á Galicia rural” e de “dificultar a súa reactivación”
O alcalde da Pontenova, Darío Campos, indica que “unha das queixas máis importantes” da súa veciñanza é o déficit de servizos sanitarios por parte da Xunta
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe A Pontenova en compañía do alcalde, Darío Campos, e o puxo en valor a súa “gran xestión”. “Un alcalde comprometido e dedicado plenamente ao seu concello, e un goberno local centrado en atopar solucións aos problemas da cidadanía do concello”, destacou.
Así é que logo de sinalar que tivo que ser a Deputación de Lugo a que apostara pola residencia de maiores que A Pontenova necesita ante a deixadez da política social do goberno galego, o líder do PSdeG requiriu á Xunta “compromiso coa Galicia do medio rural”.
“En Galicia hai un enorme déficit de prazas en residencias públicas de maiores centros de día e aquí tiveron que ser o alcalde o presidente da Deputación os que a poñan en marcha”, subliñou, antes de concluír que “onde a Xunta non cumpre, fánno as administracións socialistas”.
Ademais, Gonzalo Caballero reclamou á Xunta que “reforce a sanidade pública no verán”. “Van pechar máis de 600 camas hospitalarias en verán e segue o recorte na atención primaria, de forma que hai listas de espera en primaria e faltan médicos de cabeceira e pediatras”, evidenciou, e recordou que o goberno galego recibiu este ano do goberno de España máis de 1.100 millóns de euros extra que teñen que servir para “reforzar a sanidade pública”, entre outras cuestións.
Fronte a isto, o dirixente socialista urxiu ao goberno galego a “fortalecer a sanidade pública, dando estabilidade ao persoal e apostando pola atención presencial”. Non esqueceu tampouco que a lista de espera para unha operación ten aumentado 18 días e que hoxe hai que agardar 8 xornadas máis para ver un especialista.
APOSTA POLA GALICIA RURAL
“A Xunta ten que apostar polos servizos públicos, por xerar emprego e por dar futuro á mocidade a carón dos concellos da Galicia rural”, subliñou Gonzalo Caballero, sen deixar de facer fincapé en que o goberno galego ten que “cooperar” cos concellos.
“Queremos unha Xunta do benestar que dea os mesmos dereitos aos galegos e ás galegas con independencia de onde vivan”, reivindicou o responsable socialista, consciente de “todos temos dereito a unha educación de calidade, a unha atención aos maiores de calidade e a unha atención sanitaria de primeira vivamos nun concello rural ou nunha gran cidade”.
En concreto, o responsable do PSdeG reclamou a Feijóo que “deixe de dar as costas á Galicia rural” e de “impedir a súa reactivación”.
A PONTENOVA
Pola súa parte, o alcalde da Pontenova, Darío Campos, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero a esta vila da Mariña lucense e o seu interese nas problemáticas da Galicia rural.
No que atinxe ao seu municipio, Darío Campos subliñou a aposta da Deputación de Lugo pola construción dunha residencia de maiores, “a maior demanda que temos”; ao tempo que indicou que “unha das queixas máis importantes” da súa veciñanza é o déficit de servizos sanitarios por parte da Xunta.
“Reducíronse moito as consultas presenciais e sobre todo as persoas maiores necesitan contacto co médico para explicarlle as súas doenzas”, explicou o rexedor, ao tempo que criticou que o relevo constante de profesionais sanitarios ocasiona tamén “perda de confianza” na cidadanía.
Finalmente, tanto o alcalde como secretario xeral do PSdeG coincidiron en reclamar á Xunta a ampliación do polígono industrial da Pontenova para xerar emprego na bisbarra.