O líder dos socialistas galegos anuncia iniciativas parlamentarias para que a Xunta afronte as necesidades de Oroso
O alcalde de Oroso, Luis Rey, require á Xunta “máis persoal” para o centro de saúde tras denunciar que “os veciños botan días para que alguén lles colla o teléfono”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe á Xunta apoio financeiro para os pequenos concellos, que están “afogados” polo impacto da crise e o abandono do goberno galego. Así o dixo durante unha visita ao concello de Oroso, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Luis Rey, e onde se comprometeu a levar ao Parlamento as principais demandas do Concello.
O responsable socialista reclamou axuda do goberno galego “cando chegan ao goberno galego máis de 1.000 millóns de euros adicionais” das axudas pola crise do coronavirus. Sinalou que o apoio ás administracións locais debe ser prioritario na acción do goberno, e reclamou “investimentos e unha aposta clara pola sanidade e a educación públicas”.
Gonzalo Caballero sinalou en concreto ao retroceso na aposta pola sanidade pública por parte do goberno do PP, que “afecta a moitos concellos de Galicia, sinaladamente aos máis pequenos”. Así, reclamou un esforzo para a contratación de persoal en condicións laborais estables e frear así o éxodo de profesionais.
Criticou que o goberno galego empregue precisamente a atención telefónica como subterfuxio para “agochar que hai lista de espera en atención primaria”, cando “en concellos como Oroso vemos como nin sequera a atención telefónica funciona adecuadamente”. De feito, sinalou que “utilizan o teléfono como escusa, pero ao final hai listas de espera, non hai presencialidade e nin tan sequera responden aos teléfonos”.
Estas son as consecuencias, advertiu, de dez anos de recortes na sanidade pública por parte dos gobernos do PP, que “non teñen unha liña de acción para mellorar a sanidade pública”, e que derivaron nun aumento das listas de espera na sanidade pública.
ALCALDE DE OROSO
Pola súa banda, o alcalde de Oroso, Luis Rey, agradeceu a visita do secretario xeral ao seu concello, que elevou a “referente” da comarca.
Canto ás necesidades da vila, requiriu axuda á administración autonómica para reforzar a sanidade pública e para mellorar as escolas nun concello que rexistra un crecemento da súa poboación.
Sinalou que “xa pedimos máis facultativos e máis especialistas e non ter que estar dúas horas esperando para falar por telefono co centro médico”.
Ademais, o alcalde sinalou que “seguiremos impulsando para poñer Oroso no mapa”, e lembrou que teñen trasladado unha protesta por escrito porque “os veciños están días enteiros intentando falar co centro médico sen que ninguén collera o teléfono”.