O líder do PSdeG esixe a Feijóo que aumente a financiación do servizo de axuda no fogar ata 12 euros a hora en 2021 e que se comprometa a chegar a 16 no 2022: “Cumpra cos maiores que necesitan atención nas súas casas, é a súa obriga”
O secretario xeral sinala que os concellos resolven problemas que son competencia da Xunta: Feijóo debe renunciar ao seu antimunicipalismo e dar fondos aos concellos cando mais cartos recibe a Xunta
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que aborde “un novo pacto local” para dar máis financiación ás entidades locais e que coopere cos municipios para impulsar a recuperación de Galicia. “É hora dun gran acordo que impulse a reactivación de Galicia tamén dende os concellos”, recalcou o líder socialista na sesión de control co presidente da Xunta.
Para Gonzalo Caballero, cómpre “un xiro municipalista” que leve ao goberno galego a aumentar o Fondo de cooperación local con 100 millóns de euros, dos que 25 deberían saír do fondo de 113 millóns consignado á comisión de reactivación e que segue “sen destino”. Sen deixar de facer fincapé en que “apoiar aos concellos é beneficiar ás persoas”, o voceiro do PSdeG no Parlamento reclamou tamén que a Xunta aumente “inmediatamente” a financiación do servizo de axuda no fogar ata 12 euros por hora e que esta contía chegue o ano que vén ata os 16 euros.
“Cumpra coas persoas maiores que necesitan atención nas súas casas, é a súa obriga”, requiriu Gonzalo Caballero a Feijóo, consciente de que os concellos están asumindo competencias que non lle son propias ante a “inacción” da Xunta en materias como os servizos sociais ou a educación. “Asuma as súas competencias e, se non é capaz, déalles financiamento aos concellos”, incidiu: “non pode seguir fuxindo das súas responsabilidades”.
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG criticou “o antimunicipalismo” de Feijóo, exemplificado no feito de que “meteu na caixa” os 2.000 millóns de euros que recibiu do goberno de España de xeito extraordinario para facer fronte á covid e “negouse a repartir cos concellos” a pesares de trasladarlles “novas obrigas e competencias”. “Está asfixiando aos concellos, os que estiveron a carón da xente dende o primeiro momento da pandemia”, reprobou Gonzalo Caballero, quen abundou en que “afogar aos concellos é afogar ás persoas e a resposta fronte á crise”.
Por iso, tras remarcar que non se trata de “beneficiar aos concellos”, senón de “atender ás persoas”, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que “deixe de escapar” e impulse “un novo pacto local” para dar aos concellos a financiación que precisan para levar adiante “as competencias que a Xunta non atende”. “Hai cartos nas contas do goberno galego”, subliñou, crítico co recorte do 8% nas transferencias da Xunta aos concellos neste 2021.
“DISCRECIONALIDADE” NO REPARTO
Do mesmo xeito, o portavoz parlamentario do PSdeG reprobou a “discrecionalidade” coa que se reparten moitas axudas e subvencións da Xunta, como ocorre no caso das “convocatorias nocturnas” que saen ás doce da noite e se esgotan en poucos minutos.
“Como na Deputación de Ourense, onde o 80% dos fondos distribúense sen concorrencia competitiva nin publicidade: danse a dedo”, comparou Gonzalo Caballero, antes de sinalar que esta forma de proceder é “un mal camiño para as políticas públicas”.
Outro exemplo deste xeito “discrecional” de distribuír o diñeiro público o atopou no feito de que o PP “onde non gobernan, desconfían do municipalismo”, mentres o reparto se produce “de xeito desigual alí onde teñen poder local”.
“Que visión política ten o presidente da Xunta? É que acaso o 55% dos galegos e galegas teñen que estar discriminados por ter un alcalde ou alcaldesa socialista?”, preguntou a Feijóo: “Cre que a caixa da Xunta é do PP e non dos galegos e das galegas?”.
ALCALDE DE VILANOVA
Finalmente, o líder dos socialistas galegos esixiu a Feijóo que tome medidas co alcalde de Vilanova de Arousa, do PP, que vén de ser condenado por “ataques machistas” contra a presidenta da Deputación de Pontevedra.
“O presidente de todos os galegos e de todas as galegas non pode ser cómplice dese machismo sentenciado e non opinable”, concluíu Gonzalo Caballero, á vista da sentenza xudicial que condena ao rexedor de Vilanova.