O secretario xeral demanda á Xunta que os orzamentos “prioricen ás persoas” tras unha década de “recortes e retrocesos” nas políticas sociais
Santiago, 12 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a apertura de tres comisións parlamentarias que sirvan para formular a reconstrución de Galicia trala covid, analizar a evolución da pandemia no noso país e estudar o que ocorreu nas residencias de maiores durante a primeira vaga, toda vez que nestes centros faleceron case a metade das persoas que perderon a vida a causa do virus na comunidade galega.
Así o trasladou o líder socialista aos medios de comunicación durante o transcurso da primeira xuntanza da Comisión Interparlamentaria do PSdeG neste curso político, e fixo fincapé en que o PP de Feijóo “non pode bloquear” estes órganos. “Ten que permitir a súa constitución e o seu bo traballo”, recalcou.
Ademais, Gonzalo Caballero xustificou a primeira destas comisións, a de reconstrución, proposta polo PSdeG e confirmada por Feijóo, na necesidade de contribuír entre todas as forzas políticas a deseñar medidas que permitan que “ninguén quede atrás” na saída desta crise sanitaria, económica e social, así como de elaborar políticas de recuperación ao servizo do emprego e da cidadanía máis vulnerable.
No que atinxe á investigacioón sobre o sucedido nos xeriátricos galegos, o secretario xeral do PSdeG incidiu na importancia de “aprender do que pasou” para “corrixilo” no futuro, e afeou o “veto” que pretende impor Feijóo a esta proposta de traballo parlamentario no canto de situarse “ao carón da xente”. “A comisión de investigación das residencias é unha débeda moral coas vítimas, as familias, e traballadoras sociais”.
E, a maiores, Gonzalo Caballero reclamou “unha comisión de seguimento da covid” para coñecer o alcance dos contaxios nun momento no que existe “falta de información” sobre os contaxios e os falecementos. “A Xunta non está trasladando información pormenorizada ao Parlamento nin aos concellos”, sinalou, consciente de que as administracións locais carecen de datos sobre o número de persoas afectadas no seu municipio.
“PRIORIZAR ÁS PERSOAS”
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG subliñou que esta ten que ser a lexislatura da “protección das persoas” e por ese motivo puxo o foco na elaboración dos orzamentos tanto da Xunta como do Goberno de España.
Por iso, chamou á Xunta a que siga a liña de traballo de “priorizar ás persoas” que ten emprendido o executivo estatal e “rectifique os recortes e retrocesos” que ten acometido nas políticas sociais ao longo da última década.
Así o reflicte, sinalou Gonzalo Caballero, o último informe da Asociación Estatal de Directores y Gerentes de Servicios Sociales, que sitúa a “Galicia entre as cinco comunidades que máis recortaron en políticas sociais na última década”.
“Nesta lexislatura, necesitamos uns orzamentos que prioricen ás persoas e que se abandone esa política de recortes”, destacou o líder socialista, quen situou ese extremo como “unha liña vermella” para o PSdeG.