O secretario xeral reivindica en Caldas o termalismo como “potencialidade” para Galicia e require á Xunta un plan termal para impulsar turismo e emprego
O líder do PSdeG traslada o seu compromiso de traballar “a carón do goberno municipal de Caldas” en eixos como infraestruturas, desenvolvemento industrial, servizos públicos e termalismo
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, e o seu equipo de goberno para abordar as necesidades deste municipio da provincia de Pontevedra.
Dende alí, o máximo dirixente do PSdeG reclamou á Xunta de Galicia que “fortaleza o sistema sanitario” no que atinxe á vacinación fronte á covid, un proceso que “vén para quedar”.
Así, Gonzalo Caballero demandou a contratación de máis persoal no Sergas, a fin de que a vacinación non se faga “a costa do persoal dos centros de saúde”, xa que isto supón “descapitalizar” a atención primaria. Do mesmo xeito, requiriu ao goberno galego que habilite “máis puntos de vacinación”, de xeito que estes “non estean tan concentrados” e sexan “máis próximos a todos os concellos”.
“O sistema de concentrar a vacinación nun punto foi unha resposta inmediata, pero hai que facer posible vacinar en máis puntos para que non existan momentos de saturación ou colapso”, advertiu.
Nesta liña, Gonzalo Caballero pediu ao goberno galego que tome o exemplo do “modelo asturiano”, xa que supón “un modelo de referencia” que “aposta pola sanidade pública fortalecida con máis persoal e medios” ao tempo que “aposta pola reactivación económica”.
“A Xunta ten que poñerse a facer os deberes e traballar”, sentenciou o máximo dirixente dos e das socialistas galegos.
Nesta liña, defendeu como “axeitado” que “avancemos con prudencia e responsabilidade cara a un nivel menor de restricións”, ao tempo que propuxo que os establecementos de hostalería como taperías e mesones poidan abrir “na mesma franxa horaria que os restaurantes”.
O TERMALISMO, UNHA POTENCIALIDADE
En paralelo, Gonzalo Caballero reivindicou que “Galicia ten no termalismo unha posibilidade de futuro importantísima, unha potencialidade”.
Por iso, dende unha vila termal como é Caldas, reclamou á Xunta que desenvolva un plan termal que poña en valor esta cuestión no plano turístico e que axude a fomentar o emprego.
“Cando vemos que o sector turístico está tan afectado pola pandemia e temos que pensar na reconstrución da economía, sabemos que en concellos como Caldas hai que apostar polo desenvolvemento do termalismo”, sinalou, ao tempo que remarcou que “a reactivación ten que vir da man da xeración de emprego”.
COMPROMETIDOS CON CALDAS
En canto á situación municipal, o líder do PSdeG criticou o abandono da Xunta con respecto ao concello. “En 12 anos de goberno de Feijóo na Xunta, o PP marxinou a Caldas, esqueceuse deste concello”, denunciou o líder do PSdeG logo de lembrar a falla de aposta polo polígono industrial ou por “demandas históricas” en materia de infraestruturas, no eido medioambiental ou no relativo aos servizos sociais.
Así pois, Gonzalo Caballero sinalou que “é hora de pegarlle un impulso a Caldas desde a Xunta”. Pola súa banda, amosou “o pleno respaldo do PSdeG a Caldas nas súas demandas á Xunta de Galicia e tamén nas demandas que imos trasladarlle ao goberno de España para desenvolver infraestruturas e redes viarias que permitan modernizar este municipio en ámbitos fundamentais para o futuro da veciñanza”.
Deste xeito, o máximo dirixente do socialismo galego amosou o seu compromiso para traballar “ao carón do goberno municipal de Caldas” para apostar polas infraestruturas, polo desenvolvemento industrial; así como para “fortalecer os servizos públicos” e desenvolver un proxecto termal na provincia de Pontevedra que permita darlle a Caldas “máis vías e posibilidades” de futuro.
Por último, Gonzalo Caballero recoñeceu o traballo feito polo goberno municipal e do seu alcalde, Juan Manuel Rey, xa que “traballan a prol dos intereses do concello e da cidadanía” nun ano especialmente “complicado” e marcado pola covid.
JUAN MANUEL REY
Pola súa banda, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, agradeceu ao líder do PSdeG a súa visita a Caldas, así como a súa “receptividade” á hora de contribuír a impulsar as “necesidades e urxencias” do municipio.
“A cuestión termal ténnos ocupados e preocupados, xa que ten un calado importante en Caldas”, asegurou o rexedor quen criticou a lei termal elaborada polo executivo galego. “Prioriza moito aos actores privados, e gustaríanos que a lexislación se asimilase a outras do Estado onde se contempla o termalismo como ben público”, defendeu Juan Manuel Rey, anted de engadir: “estamos por defender o de todos, e non só o de algúns”.
Finalmente, o rexedor de Caldas pediu un impulso ás infraestruturas e á accesibilidade do municipio, o que permitirá potenciar o polígono industrial e, con iso, haberá “un aumento de postos de traballo e a creación de riqueza”.