O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe un plan integral de apoio ao sector primario composto por diversas medidas incluídas no programa de goberno dos socialistas galegos. Así o dixo durante a visita a unha explotación gandeira na Estrada, que presentou como “exemplo da capacidade das galegas e galegos do rural para impulsar explotacións sen o apoio nin a complicidade da Xunta de Galicia”.
O candidato socialista adiantou as liñas forza do seu programa electoral en materia agropecuaria para os próximos catro anos, que pasan por converter o Banco de terras nun “instrumento efectivo que permita utilizar a terra do país ao servizo dos agricultores e gandeiros”.
Ademais, anunciou un plan de explotación de actividades agrícolas e gandeiras que impulse o relevo xeracional e a incorporación dos mozos e mozas ao medio rural e que aposte pola I+D+i, ao tempo que apostou por “instrumentos de supervisión que garantan que o prezo do leite cubra os custes de produción” e frear a perda de valor na cadea de distribución.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero criticou o desleixo do goberno galego, co cal o prezo do leite estivo “moi por debaixo” do resto de España, o que contrasta co paquete de medidas aprobadas hai dúas semanas polo Consello de Ministros para impulsar ao medio rural.
O compromiso dos socialistas galegos, explicou, pasa pola “aposta pola innovación e a investigación en materia agrícola e gandeira” como base do incremento do valor engadido da produción primaria en Galicia e para permitir “xerar novos produtos, apostar pola diferenciación e garantir a calidade na produción”.
Ao respecto, censurou que Feijóo se teña “esquecido totalmente da investigación agraria e gandeira en Galicia”, co caso do Centro de Investigacións Agrarias de Abegondo como “exemplo das desfeitas e do desleixo de Feijóo” na materia. O abandono da Xunta, dixo, provoca que unha infraestrutura chamada a ser centro de referencia da investigación do sector agrario teña a metade das prazas sen cubrir e careza de novos investigadores.
Gonzalo Caballero anunciou así un plan de choque conformado por todo un programa de goberno dirixido a impulsar o medio rural e darlles aos gandeiros e agricultores “mecanismos e apoio para que poidan vivir con dignidade”, que pare a sangría demográfica do rural e a perda de peso do sector primario e garanta un “novo escenario de futuro”.
Castigo severo a Feijóo
O candidato socialista reclamou un “castigo severo” ao candidato do PP logo de 11 anos de esquecemento ao medio rural e que “enganounos a todos unha vez máis cando asegurou que esta ía ser a lexislatura do rural”. Lonxe de apostar polo rural, incidiu, o goberno galego perdeu 55 millóns de euros de fondos europeos “que tiveron que ser devoltos porque non tivo capacidade de xestionalos”.
O seu desastre de xestión, dixo, deixou aos agricultores e gandeiros sen unha inxección de capital que lles viría “como auga de maio” e que agora están desfrutando “noutros sectores en distintos países da UE porque en Galicia Feijóo non foi quen de xestonalos nin de darlle finalidade a eses orzamentos”.