O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, presentou hoxe en Santiago a súa candidatura á presidencia da Xunta “para devolverlles a esperanza aos galegos e ás galegas”. Así o dixo nun acto multitudinario que contou coa presenza do presidente do goberno, Pedro Sánchez, no que tamén estiveron o presidente Touriño, os alcaldes e os presidentes das deputacións.
“Quero ser o presidente do cambio, o presidente das solucións, o presidente que lles devolva a esperanza e o entusiasmo aos homes e mulleres de Galicia”, proclamou Gonzalo Caballero ante máis de 1.500 persoas, e presentou o seu proxecto fronte a un Feijóo que “cando Galicia máis sufría, pechouse en Monte Pío e esqueceuse dos galegos e das galegas”, aos que lles “pechou as portas da Xunta”.
Puntualizou que “todos coñecemos centos de persoas abandonadas por Feijóo, e é coa forza, coa coraxe de toda esa xente, coa que os socialistas imos facer esta campaña”, para que “o PSdeG, todos nós, e eu o primeiro, sexamos a esperanza de toda a nosa xente”. Advertiu que “os cambios non pode facelos quen fixo os recortes”: “Quen creou os problemas non pode aportar as solucións”.
Caballero remarcou que fronte “á década prodixiosa que Feijóo quere facernos crer”, esta década “nefasta” foi “a peor etapa democrática de Galicia”. “Os que recortaron as pensións, os que recortaron os salarios non os van devolver nunca”, incidiu. Sinalou que “mentres outros gobernantes buscaban impulso para os máis desfavorecidos, Feijóo pechaba camas nos hospitais, escolas rurais, e recortaba en políticas sociais e políticas activas de emprego”.
Sinalou a falla de emprego, os datos demográficos e o despoboamento do rural, e os recortes sociais impostos polo PP durante os últimos 11 anos, especialmente na sanidade, como grandes problemas de Galicia. Comprometeu así unha “nova política económica a favor do emprego, unha nova política de vertebración territorial e unha nova política social”.
Enfronte situou a un Feijóo que “rompeu o seu contrato con Galicia” a costa de “recortes na sanidade, na educación ou na dependencia, que non fixo unha soa nova residencia” e que “o que fixo cos dereitos sociais non ten perdón”.
Alianza social
Neste escenario, o candidato socialista fixo un chamamento a unha “alianza social para revitalizar Galicia”. ”Fronte a un proxecto esgotado, temos que sacar adiante un proxecto de futuro; fronte a un proxecto conservador, temos un proxecto de progreso”. Defendeu unha “estratexia de país e de compromiso dende o diálogo e tamén da firmeza” mentres Feijóo sitúase como “adalid da maior estratexia de confrontación”.
Subliñou que “o meu compromiso é Galicia, traballar a carón dos galegos e as galegas, con total lealdade e firmeza para cumprir con Galicia e que teña o que lle corresponde con diálogo co presidente do goberno”.
Fixo un chamamento a “todo o PSdeG, a todos e cada un dos 10.000 militantes, alcaldes, alcaldesas e representantes institucionais, porque non hai un minuto que perder ata as eleccións do 5A” fronte a un Feijóo “noqueado en tódalas convocatorias electorais do ano 2019”.
Defendeu a “igualdade e a xustiza social” na defensa de “Galicia e do galeguismo integrador” e asegurou: “Sinto Galicia e a defendo dende unha perspectiva inclusiva e internacionalista”. E logo de 20 anos de militancia no PSdeG, dixo, “sempre con lealdade, comprometido, con criterio propio pero lealdade ao partido, eu non agocho as miñas siglas”.
Feijóo agochado
Sánchez tomou ese argumento para subliñar que, fronte a un Gonzalo Caballero que “dá a cara e non se esconde”, a frase “Feijóo esconde” conta con 189.000 referencias en internet. Advertiu que “o que Feijóo esconde son as siglas do PP, que tanto en Galicia como en España significan corrupción, retroceso social, Pemex ou a foto de Colón, onde Feijóo tamén estaba, pero escondido”.
O secretario xeral do PSOE e presidente do goberno apostou polo proxecto socialista de Caballero que “defende o diálogo fronte á confrontación, e a exemplaridade fronte á corrupción”. Defendeu o seu compromiso con Galicia dende o goberno central na defensa da industria e do sector lácteo, coa chegada do AVE “no próximo ano tras anos de abandono do PP” e avanzou que estará “volcado co Xacobeo”.
A encargada de abrir o acto de presentación da candidatura de Gonzalo Caballero foi a actriz galega Berta Ojea. A continuación interviron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, quen dixo que “a esperanza de Galicia ten un nome: Gonzalo Caballero”.