O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, empregará a primeira sesión de control logo do verán para reclamarlle a Feijóo que renda contas dos erros do seu Executivo durante o período estival. Así o explicou o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, logo da Xunta de Portavoces que se reuniu hoxe para fixar a orde do día do Pleno da próxima semana.
Feijóo terá que dar conta da ausencia de xestión do seu Executivo, que se negou a reforzar a sanidade co conseguinte incremento das listas de espera en Atención Primaria, quirófano e especialidades, e logo de reducir o número de camas e deixar as baixas e as vacacións do persoal sen cubrir.
Pablo Arangüena lamentou que os máis de 1.800 millóns de euros entregados á Xunta polo goberno central dende o inicio da pandemia “non serven para que a Xunta impulse a reactivación e recupere a normalidade nos servizos públicos”.
Ademais, dixo, só un día despois de que o presidente da Xunta dixera solemnemente non foran informados do descenso dos encoros, publícase documentación “que demostra que Feijóo mentiu unha vez máis”. O Grupo Socialista levará ao Pleno do Parlamento unha pregunta específica sobre a resposta do presidente da Xunta logo de que “durante case 2 meses nun caso, e case 3 meses noutro, a Xunta non actuou cando é a administración que ten competencias medioambientais”.
Arangüena lembrou que o goberno galego pode e debe actuar nestes casos “non só pola lexislación de pesca fluvial, senón tamén pola lexislación medioambiental”, e en concreto pola Lei de Protección Ambiental de Galicia.
Advertiu de que “por primeira vez no noso país temos a unha administración autonómica que implanta unha medida restritiva dos dereitos fundamentais”, como foi o pasaporte covid para a hostalería, imposto “esquecéndose de pedirlle autorización ao TSXG, unha cousa absolutamente insólita”. O Grupo Socialista preguntará sobre esta cuestión, que “demostra un total desprezo polo Estado de Dereito ou un erro clamoroso dun goberno no que nunca hai ninguén responsable de nada”.
Peche de oficinas
O Grupo Socialista presentará unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que tome medidas para evitar o pechamento de oficinas bancarias, logo de que Galicia perdera a metade das sucursais en tan só 12 anos, xerando un problema de exclusión financeira en moitos concellos do interior.
Pablo Arangüena lembra que esta situación afecta principalmente á entidade bancaria herdeira das caixas de aforros galegas, que tiveron que ser rescatadas por 9.000 millón de euros de diñeiro público nunha operación que o presidente da Xunta “avalou, promoveu e patrocinou con entusiasmo”.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para reclamar un novo modelo de servizos xeriátricos para Galicia, do que a conselleira de Política Social leva “un ano falando, noutro exemplo de propaganda oficial” dun Executivo “caracterizado pola súa conivencia con imperios xeriátricos afíns, como DomusVi”. O próximo Pleno incluirá ademais unha interpelación para reclamarlle á Xunta que recupere a presencialidade na Atención Primaria.
Finalmente, anunciou unha moción para reclamarlle ao goberno galego que estableza un plan de actuación para elaborar as candidaturas galegas a Patrimonio da Humanidade pola Unesco, sinaladamente a Ribeira Sacra, Ancares – Somiedo, Ferrol e o Parque Natural das Illas Atlánticas. Reclamou “garantías” para prever que non se repita o “fiasco” da candidatura da Ribeira Sacra.