O secretario xeral subliña que a Xunta “ten orzamentos e competencias” para acompañar as medidas postas en marcha polo Goberno de España e por moitos concellos
Santiago, 23 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou hoxe á Xunta un plan de acompañamento á hostalería que inclúa liquidez e axudas directas enfocadas a evitar peches de negocios e ao mantemento do emprego.
“Sectores como a hostalería vense especialmente afectados pola crise da covid-19, porque a súa actividade está paralizada e porque son conscientes de que no futuro será distinta”, reflexionou o líder dos socialistas galegos, ao tempo que apuntou que en Galicia hai milleiros de familias que viven deste sector.
Precisamente por iso, Gonzalo Caballero chamou a atención sobre que a Xunta ten que complementar as medidas postas en marcha polo Goberno de España, que xa dispuxo axudas para as pequenas e medianas empresas, os traballadores e os autónomos, e facer desde Galicia un plan de acción para a hostalería galega.
“Hai que acompañar á hostalería galega nesta travesía de dificultade”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que a Xunta “ten orzamentos e ten competencias” para facelo.
OBRAS PARA A DESESCALADA
Ademais, Gonzalo Caballero requiriu que a Xunta habilite fondos e mecanismos para que os establecementos poidan afrontar as obras necesarias para adecuarse ás novas medidas que se dispoñan nas distintas fases da desescalada.
Nese senso, o secretario xeral asegurou que a Xunta terá “a colaboración do PSdeG” para deseñar as medidas oportunas encamiñadas a “traballar en defensa dun sector tan importante para milleiros de galegos e galegas” como é o da hostalería.