O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, apelou hoxe a abrir un “novo tempo político” en Galicia que permita superar as políticas lesivas da dereita e o sinaladamente o abandono de Feijóo ao rural. Así o dixo logo dun encontro de traballo en Sarria co portavoz do PSOE e alcalde de Valladolid, Óscar Puente, para coordinar a actuación entre as executivas federal e autonómica.
O líder dos socialistas galegos urxiu hoxe a abrir unha etapa liderada polos socialistas galegos para “conseguir un goberno que atenda tamén ao medio rural fronte ao abandono do goberno de Feijóo”. Na súa visita a Sarria, explicou que o presidente galego demostrou, en contra das súas promesas, que “estamos na Lexislatura da falta de atención, do abandono e do fracaso das políticas da Xunta” no medio rural.
Sinalou que “tristemente vemos como día a día perde peso a política forestal, gandeira e a atención aos concellos da Galicia do interior”. Así o constataron durante o encontro de hoxe, no que tamén participaron a alcaldesa da localidade, Pilar Yáñez, o secretario de Organización, José Antonio Quiroga, o secretario provincial electo, Álvaro Santos, e representantes institucionais e políticos dos socialistas galegos.
Caballero continuou hoxe con Óscar Puente a rolda de contactos ao máximo nivel iniciada nas pasadas semanas coa presenza en Galicia de Pedro Sánchez, Luis Ábalos ou Andrés Perelló, para coordinar as actuacións galega e estatal. Sinalou a necesidade dunha acción conxunta “fronte ás políticas da dereita de Feijóo e Rajoy que non solucionan os problemas reais da sociedade e do país, ancorados no discurso conservador e sen folla de ruta”.
Apelou ao proxecto iniciado dende o PSOE no último Congreso Federal, cun partido “máis fortalecido e ben situado na esquerda para ofrecer unha alternativa viable aos gobernos da dereita” e que dende Galicia impulsa tamén “un novo tempo político”.
Óscar Puente
O portavoz da Executiva e alcalde de Valladolid, Óscar Puente, animou aos socialistas galegos a aproveitar a oportunidade que ofrece esta nova etapa na que “tódolos datos indican un avance moi semellante en tódolos territorios”. Apelou a “asumir o liderado claro na sociedade española -nas próximas eleccións municipais, autonómicas e xerais- e tomar a responsabilidade de facer os cambios que o PP non soubo e non quixo”.
Criticou que os conservadores leven “seis anos realizando reformas meramente conxunturais, polo que terá que ser de novo un goberno de esquerda, do PSOE, o que acometa as reformas estruturais” que o país precisa. Sinalou a súa presenza hoxe en Sarria e o contacto coa dirección galega para “coñecer de primeira man os problemas do territorio, para trasladárllelos á dirección federal e responder aos problemas de Galicia”.