O líder do PSdeG sinala que Feijóo debe recoñecer os erros que motivan estes cambios no goberno: “son necesarias novas políticas” para uns servizos públicos “fortes” e para deseñar unha volta ás aulas “con garantías”
Santiago, 6 de setembro. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que a decisión de relevar aos conselleiros de Sanidade e Educación “evidencia o recoñecemento do fracaso” por parte de Feijóo nas competencias principais da Xunta de Galicia.
Despois de coñecer os cambios no executivo galego, o líder do PSdeG profundizou en que estes dous cambios “non poden limitarse ás caras”, senón que teñen que implicar “novas políticas” para ter uns servizos públicos “fortes”.
Ademais, no que atinxe á Consellería de Educación, Gonzalo Caballero incidiu en que agarda que o novo equipo sexa quen de planificar un inicio do curso “con garantías” para a comunidade escolar.
Así mesmo, fixo fincapé en que, coa perda de peso de Alfonso Rueda como vicepresidente único da Xunta, queda de manifesto “o seu fracaso” na coordinación ao longo desta crise.
Con todo, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que Feijóo confeccionou un equipo “continuista” a pesares da importancia de contar cun equipo “con ideas, con impulso” para afrontar a crise sanitaria, económica e social que temos por diante.
Ademais, Gonzalo Caballero lamentou “a falla de peso das mulleres” na Xunta de Feijóo, como amosa o feito de que tamén a nova vicepresidencia recae nun home e de que só cinco dos 12 integrantes do goberno son mulleres.