O líder do PSdeG destaca o incremento da inversión en máis dun 25% na provincia de Pontevedra nas contas do Estado, que invisten máis por galego que por catalán, madrileño ou andaluz
Critica a “falla de proxecto” nos orzamentos da Xunta, que reduciu os fondos dedicados aos concellos, “os que están, dende o primeiro momento, axudando e apoiando á cidadanía fronte a crise”
David Regades lamentou que a provincia de Pontevedra “volva ser a gran prexudicada nos orzamentos da Xunta”, sendo “a que menos recibe por habitante”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves Pontevedra para avaliar xunto ao secretario provincial do PSOE de Pontevedra, David Regades, os orzamentos para o ano 2021.
No día no que se aprobaron os Orzamentos Xerais do Estado no Congreso, Gonzalo Caballero criticou a posición de PP e BNG, xa que “poñerse en contra” destas contas “é poñerse en contra da suba das pensións, do incremento dos salarios dos empregados públicos ou da rebaixa histórica das peaxes da AP-9”.
Lamentou a falla de “corresponsabilidade” do BNG ao non votar “coas forzas progresistas” e converterse “nun elemento que fai o caldo gordo a PP e VOX”. Así, sinalou que opoñerse aos orzamentos é “quedar fóra de xogo” en moitas cuestións.
O líder socialista destacou uns orzamentos “que benefician a Galicia” e “invisten por galego máis do que invisten por madrileño, catalán, andaluz ou valenciano”.
Ademais, subliñou que “saldan unha débeda histórica” coa rebaixa da AP-9, que supón unha consignación de 63 millóns de euros, “un feito histórico para o transporte en Galicia, que vai levar o selo de identidade do PSOE e de Pedro Sánchez”.
Neste senso, sinalou o nivel de investimento para a provincia de Pontevedra, que “implica un incremento de máis dun 25% e resolverá asuntos moi importantes para Pontevedra”, como o nudo de bombeiros, a circunvalación da cidade, o Arquivo Histórico Provincial ou a rebaixa “histórica” da AP-9. O líder socialista incidiu en que estes orzamentos se fixeron cun “claro compoñente progresista e social” e “para que ninguén quede atrás”.
ORZAMENTOS DA XUNTA
En canto aos orzamentos da Xunta, Caballero lamentou que “non haxa proxecto para a recuperación”, xa que as contas presentadas polo goberno galego “carecen de impulso e liñas de orientación mestra”. Así, destacou a caída “de peso relativo no conxunto dos gastos” de áreas como Sanidade ou Educación, ademais doutras partidas, “o que non pode ser de recibo”, tendo en conta que “reciben máis de 1.100 millóns de euros extra do Estado”.
Neste senso, criticou a diminución na partida de Xuventude, así como os fondos dedicados aos concellos de Galicia, “os que están, dende o primeiro momento, axudando e apoiando á cidadanía fronte a esta crise”.
“Pedímoslle a Feijóo que busque proxecto e lle dea rumbo a unhas contas que teñen unha compoñente expansiva grazas ás medidas do goberno de España, pero que carecen de acción estratéxica para o futuro do país” por parte da Xunta de Galicia, aseverou.
PONTEVEDRA, “A GRAN PREXUDICADA”
O secretario xeral do PSOE pola provincia de Pontevedra, David Regades, aplaudiu tamén a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, “que cren na provincia de Pontevedra”, e entre as que destacou partidas de “60 millóns de euros en Industria” en comparanza cos 1,5 millóns de euros que os Orzamentos da Xunta reserva como única partida destinada ao desenvolvemento industrial da provincia.
Regades apelou á súa condición de delegado do Consorcio da Zona Franca para defender unha aposta decidida pola industrialización da provincia, como fórmula para crear unha economía máis resistente en situacións como a actual.
“O futuro está en mans de todos e algúns, no Congreso, terían que arrimar máis o ombreiro, aportar máis, e deixar de facer demagoxia”, aseverou en relación ao voto negativo do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado.
En canto aos orzamentos da Xunta, Regades criticou que “Pontevedra volve a ser a gran prexudicada”, sendo a provincia “máis castigada e a que menos recibe por habitante, escasamente 125 euros por persoa”. Así, lamentou o “maltrato” do goberno galego nas inversións ou na partida de Sanidade, e advertiu do “déficit de Feijóo pola falta de crenza en Galicia e en Pontevedra”.
Neste senso, incidiu en que o Hospital Álvaro Cunqueiro, “ese hospital privado”, é “negocio para algúns e déficit sanitario para os veciños e veciñas” e criticou que “Feijóo prometera inaugurar o Hospital Montecelo en 2014”, pero nos Orzamentos deste ano “dalle unha patada para adiante e di que con sorte podería estar en 2024”.
En canto ao Hospital do Salnés, destacou que “escasamente ten unha partida de un millón de euros”, o que supón “a peor dotación prevista para todos os hospitais de Galicia”.