O líder socialista designa a Julio Torrado secretario de Sanidade e a Mayra García secretaria de Medio Rural da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG en Galicia
Propón a Guillermo Meijón como coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso e incorpórao xunto ao eurodeputado Nicolás González Casares a participar de forma permanente na executiva galega
A dirección do PSdeG abre a porta a presentar unha moción de censura na cidade de Ourense ante a crise que vive o concello
Santiago, 2 de outubro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe unha xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega na que comprometeu que o partido porá “toda a capacidade para facer as mellores políticas na que ten que ser a lexislatura da protección das persoas”.
“Vivimos nunha crise sanitaria, económica e social de gran envergadura e todos estamos traballando dende as nosas responsabilidades para protexer á xente”, recalcou o líder do PSdeG en declaracións aos medios ao termo da xuntanza.
“Non poden quedar milleiros de persoas en situación de vulnerabilidade, afectadas polo debilitamento dos servizos públicos ou polas políticas de gobernos que abandonan á xente”, profundou Gonzalo Caballero, para quen “a política ten que ser un paraugas que non deixe a ninguén baixo a chuvia”.
Precisamente por iso, para garantir “unha mellor coordinación” entre as distintas cámaras, o secretario xeral propuxo invitar ás xuntanzas da executiva a Guillermo Meijón, a quen nomeou coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso, e ao eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares.
Ademais, Gonzalo Caballero designou ao voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, como secretario do ramo na executiva; mentres que a alcaldesa de Trabada, Mayra García, asumirá a secretaría de Medio Rural.
“Estamos poñendo todos os vimbios para que esta lexislatura teña a un PSdeG que defenda á xente. Estamos preparados e preparadas para facer fronte aos retos do futuro e ímolo facer con responsabilidade”, concluíu o máximo dirixente do PSdeG.
MOCIÓN DE CENSURA EN OURENSE
Ademais, a executiva galega do PSdeG abordou a crise que vive o Concello de Ourense e acordou abrir a porta á presentación dunha moción de censura que poña fin á etapa de “caos municipal” na terceira cidade de Galicia. Os socialistas galegos recordan que a candidatura encabezada por Rafael Rodríguez Villarino foi a máis votada nas últimas eleccións municipais na cidade de Ourense, e que o PSdeG é a alternativa de goberno lexítima para Ourense.
A Comisión Executiva Nacional Galega delegou na súa Comisión Permanente e na Secretaría de Organización para que traballen cos órganos do partido na provincia de Ourense e exploren as vías posibles para acadar unha solución no concello.
Neste contexto, a dirección do PSdeG instou a todas forzas políticas de Ourense a que colaboren no desbloqueo da situación actual e poñan os intereses xerais da cidade por riba dos intereses partidistas.