O secretario xeral urxe a Feijóo a “rectificar” o seu rexeitamento do estado de alarma e pide “cautela” porque “un rebrote do virus é o principal mal a evitar”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, analizou hoxe a comparecencia de Feijóo no Parlamento, na que se presentou como “a oposición a Pedro Sánchez” e non como un presidente que está “loitando contra a pandemia e a crisis sanitaria, social e económica” derivada da covid-19.
“Feijóo non está á altura para levar o temón da reconstrución de Galicia”, evidenciou o líder dos socialistas galegos nunha comparecencia telemática ante os medios, consciente de que “o nivel de cinismo e de confrontación co goberno progresista por parte de Feijóo non leva a nada positivo”.
De aí que Gonzalo Caballero pediu a Feijóo que “abandone a estratexia de confrontación” co goberno progresista e dispoña “todos os fondos dispoñibles” para combater a pandemia dende os eidos nos que a Xunta ten competencias. “Está ausente na xestión aínda que omnipresente nos medios públicos de Galicia”, denunciou.
“Feijóo presentouse no Parlamento sen medidas, nin propostas nin proxectos para traballar dende a Xunta pola crise que atravesa Galicia”, lamentou o máximo dirixente do PSdeG, para quen o goberno galego necesita “un novo impulso” para enfrontar as dificultades deste tempo como consecuencia da pandemia.
“Ten que rectificar”, incidiu Gonzalo Caballero, quen fixo extensiva esta reclamación no rexeitamento de Feijóo a prorrogar o estado de alarma. “É un mecanismo necesario para garantir que a desescalada se faga con garantías”, explicou, ao tempo que apuntou que a existencia dun mando único “dá seguridade” ao limitar a mobilidade entre autonomías.
Sobre todo, como dixo o secretario xeral do PSdeG, porque “un rebrote do virus é o principal mal a evitar”. É por iso que chamou á “cautela”, á “prudencia” e á “corresponsabilidade” de todos, porque “a xente segue estando moi preocupada” pola extensión da pandemia.
“NON CUMPRE O QUE PIDE AO GOBERNO”
En paralelo, Gonzalo Caballero censurou o “discurso baleiro” de Feijóo, centrado en “poñer deberes” ao goberno de España mentres el “non cumpre en Galicia todo o que pide a Pedro Sánchez”.
“Pide información ao goberno, e aquí oculta o que ocorre nas residencias e en cada un dos concellos, e pide unha cogobernanza que el non practica”, sentenciou, e xulgou “grave” esta falla de colaboración porque “a súa lexitimidade” para gobernar derívase dun acordo dos grupos políticos para aprazar as eleccións xa convocadas.