O líder do PSdeG sinala que o conselleiro ten que aclaralo no Parlamento tras meses “centrado na propaganda” e chama ao goberno autonómico a apoiar a Ribeira Sacra con medidas e investimentos
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a Ribeira Sacra tralo revés do comité avaliador da Unesco que achegou un informe negativo previo sobre a candidatura deste enclave a Patrimonio da Humanidade.
Dende alí, o máximo dirixente das e dos socialistas de Galicia puxo en valor “unha marabilla cultural e paisaxística” e urxiu explicacións ao goberno galego sobre “un fracaso colectivo” do que “temos que aprender”.
“O conselleiro de Cultura ten que comparecer en sede parlamentaria para facer balance e explicar por que fracasou esta candidatura”, reclamou Gonzalo Caballero, logo de coñecer que o informe técnico presenta “evidencias” e “debilidades” na argumentación cando aborda “a cuestión da relixiosidade e as cuestións culturais” nas que se baseou a exposición de motivos que fixo o executivo autonómico para optar á listaxe de Patrimonio da Unesco.
Por iso, insistiu en que a Xunta debe “dar explicacións ao país”, para que poidamos entender “por que esta candidatura se baseou nunha idea de relixiosidade e patrimonio cultural” que “non estaba en condicións de prosperar” segundo o informe de Icomos.
“Pedimos ao conselleiro que recoñeza os erros, que asuma que non se fixeron ben as cousas e que se plantexaron expectativas máis alá do posible”, sinalou o líder do PSdeG, quen cuestionou que o goberno galego priorizase a “propaganda” antes do “traballo ben feito” á hora de perfilar a candidatura.
Ao fío disto, e coa vista posta no futuro, Gonzalo Caballero chamou a “reconsiderar e fortalecer a tarefa que se está facendo dende o goberno autonómico coas demais candidaturas” para evitar outros “fracasos” coas opcións das Illas Cíes ou de Ferrol a Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
POTENCIAR A RIBEIRA SACRA
En todo caso, no que atinxe á Ribeira Sacra, o secretario xeral do PSdeG destacou a “riqueza” e o “valor” desta zona, polo que instou á Xunta a “manter un compromiso claro de investimento, apoio e respaldo ao interese cultural e turístico da Ribeira Sacra, máis alá de que non poida ser declarada inmediatamente Patrimonio da Humanidade”.
Nesta liña, sinalou como unha “necesidade” a potenciación desta zona para “impulsar o sur da provincia de Lugo”. Por iso, pediu ao goberno galego que manteña “un nivel de investimento importante” que permita que a Ribeira Sacra “siga sendo foco de atracción, valor e potencialidade” para estas bisbarras e apoiando aos concellos da zona.