O secretario xeral do PSdeG, advirte de que o “desleixo” da Consellería de Educación “afecta de xeito moi grave” ás familias da área de Vigo
Vigo, 27 de agosto de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou este xoves a “un presidente da Xunta e unha conselleira de educación ausentes” a “asumir as súas responsabilidades” e garantir o funcionamento dos comedores, aulas matinais e actividades extraescolares nos colexios onde estes servizos estaban xestionados pola Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca.
Tras unha xuntanza cos responsables desta entidade, o líder dos socialistas galegos urxiu a Feijóo a “tomar medidas” sinaladamente na contorna de Vigo, onde as familias non teñen garantidos estes servizos de conciliación.
“Atopámonos con que a situación das escolas en Galicia non mellorou desde que se decretou a existencia da pandemia”, subliñou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que a situación en Vigo “é máis complexa e especialmente preocupante”.
Neste contexto, Caballero lamentou que “un goberno ausente” non “acorde e consensúe” coa comunidade educativa e con nais e pais o funcionamento dos comedores escolares, sendo esta unha “competencia” da Consellería de Educación.
“Están a poñer en risco o modelo fundamental de sociedade que temos”, advertiu o secretario xeral, tanto en materia de conciliación como no relativo a “quitarlle aos nenos e nenas a posibilidade dunha alimentación asegurada e de calidade”. “Todas as nais e pais estamos fondamente preocupados porque non hai ningún avance de cara á volta ao cole”, denunciou, consciente de que o curso comezará en apenas dúas semanas.
DECÁLOGO DE MEDIDAS
Ao fío disto, Gonzalo Caballero instou á Xunta a asumir o decálogo de medidas presentado polo PSdeG para garantir un inicio de curso de xeito seguro. “É hora de poñer medidas sobre a mesa e deixar a inacción”, recalcou.
“Non nos podemos permitir que toda unha xeración de nenas e nenos vexan mermadas as súas capacidades educativas, de formación e estrutura social”, trasladou o líder socialista, ao tempo en que responsabilizou de toda esta preocupación á “inacción e falla de xestión” do goberno popular.
O documento presentado onte polos socialistas inclúe medidas como o aumento na contratación de docentes, a habilitación de novos espazos para reducir o número de alumnos por aula, un plan de dixitalización e o reforzo da asistencia sanitaria nos centros.
“FALTA DE DIÁLOGO” DA XUNTA
Pola súa banda, a voceira de Foanpas, Bertila Fernández, explicou que continúan “sen diálogo” coa Consellería de Educación, e deixou claro que as anpas non se farán cargo dos comedores porque “non somos técnicos, nin expertos sanitarios, nin nos compete nin é responsable” que, nunha situación de pandemia, as familias teñan que encargarse destas actividades.
“É inasumible a situación”, sostivo a voceira na xuntanza co secretario xeral, ao tempo que cualificou de “falta de respecto ás familias” a postura que a Xunta está a ter cos comedores e con “todo o relacionado co inicio do curso escolar”, concluíu Bertila Fernández.