O líder do PSdeG demanda a planta de tratamento de puríns e un sistema de regadío “en condicións” como “requisitos sine qua non” para afrontar os “retos de futuro” na bisbarra
O dirixente socialista denuncia que a Xunta “non cumpre” cos servizos sociais e pídelle que “aposte polos concellos fronte ao reto demográfico” para darlle á cidadanía dereitos “en pé de igualdade”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a comarca da Limia en compañía da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; o secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael R. Villarino; os parlamentarios Marina Ortega, Juan Carlos Francisco e Carmen Rodríguez Dacosta; e o deputado socialista no Congreso Adolfo Pérez Abellás.
Dende alí, o líder do PSdeG reclamou a “modernización” do sector agrogandeiro, xa que “ou apostamos por unha modernización que permita futuro e sostenibilidade ao sector primario da comarca da Limia ou estaremos imposibilitando que esa vía económica sexa sostible co medio natural”.
“A planta de tratamento para puríns e un sistema de regadío en condicións son requisitos sine qua non para que a Limia poida afrontar os retos do futuro”, reivindicou, xa que “logo de 12 anos de Feijóo” no goberno da Xunta, esta “é unha asignatura pendente”.
Dende a Xunta, incidiu Gonzalo Caballero, “hai que poñer fondos, medidas e proxectos adecuados” para que toda a actividade agrogandeira “teña futuro a través dun equilibrio ecolóxico co entorno natural”.
Así, o máximo dirixente das e dos socialistas de Galicia avanzou que o PSdeG “vai darlle voz a todas as demandas de Xinzo” tanto no Parlamento como no Congreso e na Deputación. “Hai que seguir traballando a carón de tantas demandas”, sinalou, xa que a comarca “necesita impulso, actividade económica e potenciación”.
A XUNTA “NON CUMPRE” COS SERVIZOS SOCIAIS
Doutra banda, o secretario xeral censurou a inacción da Xunta con respecto ás súas competencias. “A Xunta non cumpre cos servizos sociais e teñen que ser os alcaldes e alcaldesas os que teñen que financiar o servizo de axuda no fogar e cumprir con competencias que o goberno galego ten nas súas mans, pero non exerce”, sentenciou.
“Galicia está á cola en servizos sociais”, lembrou o dirixente socialista, quen instou ao goberno galego a “impulsar servizos públicos, servizos sociais e unha sanidade de primeira en pé de igualdade en todo o territorio, tamén na Limia”.
“ALIADO DO INTERIOR DE GALICIA”
Nesta liña, destacou que a Xunta “ten que ser unha aliada das comarcas do interior que necesitan futuro”, polo que debe “darlle as mesmas oportunidades aos galegos e galegas da Limia que aos galegos e galegas de calquera escenario urbano”.
Finalmente, o mandatario socialista destacou o traballo do goberno local. “Quero salientar o magnífico traballo dunha alcaldesa que está volcada coas necesidades das veciñas e veciños da Limia, unha muller comprometida, con enorme paixón polo concello e socialista de pro”, subliñou Gonzalo Caballero, logo de sinalar que a alcaldesa é un “exemplo de como os e as socialistas sabemos gobernar nos concellos de Galicia”.
ELVIRA LAMA: “DEMANDAMOS MÁIS FINANCIACIÓN”
Pola súa banda, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, agradeceu ao secretario xeral a súa visita, a quen lle trasladou as necesidades do seu municipio.
“Demandamos o que demandan todos: máis financiación”, sinalou a responsable socialista logo de subliñar que, “nesta crise pandémica” e “dende o minuto un”, os concellos “asumimos competencias impropias” e “deixamos de atender outras cousas” para darlle aos veciños e veciñas “o que é prioritario”.
Nesta liña, a rexedora reclamou á Xunta de Galicia “máis recursos” para os servizos sociais, xa que “necesitamos máis horas para o SAF” porque “contamos cunha poboación moi envellecida”.
Por último, a dirixente socialista local urxiu ao goberno galego a “poñer cabeza, sentidiño e recursos sobre a mesa” para ofrecer unha “solución” ante os “serios problemas” que ten unha comarca “eminentemente agrícola e gandeira” como a Limia e enfrontar a problemática do sector primario na bisbarra.