O secretario xeral manifesta “lealdade” coas medidas impulsadas e formula á Xunta que artelle vías para previr o colapso derivado do acceso dos pensionistas ás entidades bancarias para o cobro das rendas
Santiago, 22 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha nova xuntanza co presidente da Xunta e os líderes das distintas forzas políticas que transcorreu con “normalidade” e “fluidez”.
Nese encontro, o líder dos socialistas galegos formulou ao presidente da Xunta a conveniencia de artellar vías, en colaboración coas entidades bancarias, para garantir que o acceso das persoas maiores ás oficinas para o cobro das súas pensións se faga en condicións de seguridade. Trátase, como dixo, de “evitar situacións de risco” nun contexto de emerxencia a causa do coronavirus.
Ademais, no transcurso da reunión, Gonzalo Caballero volveu poñer o foco na importancia de “non escatimar esforzos” por parte do goberno galego no eido sanitario, fundamentalmente no que atinxe á mellora dos contratos do persoal e tamén na disposición dos espazos que sexan necesarios.
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que o presidente da Xunta ratificou que conta cun stock de medio millón de máscaras, o mesmo día en que o Ministerio de Sanidad confirma o envío a Galicia de 118.000 adicionais. A maiores, dado que Feijóo confirmou que pode adquirir material, chamou a seguir esa vía, posto que o goberno galego ten “capacidade orzamentaria” para facelo.
Finalmente, no eido económico, Gonzalo Caballero pediu desenvolver “medidas de máis dimensión” por parte da Xunta, sen esquecerse da debida protección dos sectores pesqueiro e marisqueiro.
“LEALDADE”
Finalmente, apelou á “lealdade” entre todas as administracións públicas e, tras garantir o seu “apoio” ás iniciativas económicas, sanitarias e sociais da Xunta, pediu ese mesmo compromiso co goberno de España. “É momento”, concluíu, “de poñer os intereses xerais por riba de calquera outro”.