A ministra de Traballo chama a “no confiarse” e “ir a votar” o domingo para rexeitar “la coalición de esas tres derechas cada vez más escoradas a la extrema derecha”
Lugo, 23 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo coa ministra de Traballo, Magdalena Valerio, para arroupar a Lara Méndez e pedir que obteña o domingo nas urnas “unha maioría ampla” que permita seguir desenvolvendo “un proxecto de cidade que beneficia á cidadanía de forma clara”.
Ademais, o líder dos socialistas galegos explicou aos xornalistas que, neste “sprint final” da campaña, seguirá “percorrendo Galicia” para dicirlle á cidadanía que “nos xogamos moito” o domingo e que “cada voto é decisivo”.
“Necesitamos votar ao PSOE para ter alcaldes de progreso fronte á ameaza da ultradereita”, recalcou Gonzalo Caballero, ao tempo que apuntou que “o PP está nunha carreira sen rumbo, disposto a pactar con quen sexa para acadar alcaldías”.
Fronte a isto, como destacou o máximo dirixente dos socialistas galegos, “o PSOE é garantía dun goberno municipal progresista con estabilidade e capacidade de xestión”. “É o voto útil”, profundou.
Así é que, concluíu Gonzalo Caballero, “o PSdeG abre estes dous días cun sprint final para revolucionar o futuro de Galicia con gobernos que dean estabilidade e progreso fronte ao retroceso dunha dereita reaccionaria que só implica riscos para a prioridade social e para os dereitos e liberdades”.
“MUCHA ESPERANZA”
A continuación, antes de achegarse a unha xuntanza da alcaldesa con mozos e mozas para falar de emprego, a ministra de Traballo apostou por “propiciar oportunidades” para combater unhas cifras de parados que “no debemos permitir”.
Así, explicou que o plan de emprego xuvenil posto en marcha polo goberno de Pedro Sánchez busca que todas as administracións públicas traballen “de forma coordinada” para axudar aos mozos e mozas a encarrilar o seu futuro laboral.
En canto aos comicios do vindeiro domingo, Magdalena Valerio explicou que ve a cita “con mucha esperanza” despois do éxito do PSOE nas urnas o pasado 28 de abril. “Una mayoría dijo que no a la coalición de esas tres derechas cada vez más escoradas a la extrema derecha”, remarcou.
“Con lo que pasó el 28 de abril y con la garantía de que va a haber un gobierno de progreso liderado por Pedro Sánchez se abre una puerta a la esperanza el dia 26 de mayo si vamos a votar”, apostilou, consciente de que “no nos podemos confiar” y “dar nada por ganado”.
“GRAN CIDADE DE VANGARDA”
Finalmente, a alcaldesa de Lugo agradeceu que o goberno de Pedro Sánchez tivo “as portas abertas” para escoitar “as necesidades dos lucenses con receptividade”, como proba, por exemplo, a licitación do anteproxecto da estación intermodal.
Anticipándose á visita de Mariano Rajoy mañá a esta cidade, Lara Méndez contrastou esta actitude do executivo socialista co feito de que o anterior “nin estivo nin se lle esperaba” na procura do “ben común” dos veciños de Lugo.
Pola súa banda, a rexedora explicou que o seu proxecto para a capital da provincia persegue “mellorar o futuro de Lugo” e facer que sexa “a gran cidade de vangarda para a que xa estamos poñendo os piares”.