O portavoz do Grupo Socialista reclámalle a Feijóo que poña a igualdade e o respecto polas mulleres “por riba do PP e da caverna que representa o alcalde de Vilanova” logo dos insultos contra Carmela Silva
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, dixo hoxe que “Galicia non necesita máis do rodillo do PP, que aplasta e aplana aos servizos públicos e aos galegos e ás galegas que teñen dificultades”.
Caballero fixo hoxe balance do Debate sobre o Estado da Autonomía que rematou o venres pasado no que se plasmou a existencia de dous modelos políticos: “unha dereita superada pola inercia do proxecto conservador e un modelo de esquerdas con iniciativa e con ambición”.
O responsable socialista defendeu un “goberno propulsor da reactivación, que aposte pola xente e fortaleza o público para que ninguén quede atrás”. Así o demostrou o Grupo Socialista nun debate, dixo, no que “amosamos maior capacidade de defender os intereses dos galegos e das galegas, e nos atopamos cun PP pechado en si mesmo sen buscar alternativas para Galicia” e cun Feijóo “incapaz de estar á altura do que Galicia necesita”.
Gonzalo Caballero sinalou que viu ao presidente da Xunta “atado aos seus esquemas ideolóxicos conservadores, sen medidas, sen ambición e sen estratexia para Galicia”. E criticou que se manteña “amparado no seu rodillo parlamentario, que machaca a Galicia, que machaca á sanidade pública e ás políticas sociais, á educación pública, que non xera emprego nin aproveita as posibilidades de reactivación de Galicia”.
Fronte a esta posición, presentou a un PSdeG “garante da defensa da sanidade pública, da educación pública, con pleno compromiso coas políticas sociais e cunha nova política económica que dea resposta aos problemas industriais, á dobre transición e aos problemas da ciencia, do I+D+i e da economía galega”. Precisamente por iso, ratificou a súa “plena disposición aos acordos que permitan afianzar unha reactivación económica que chegue a todos e todas”.
Asemade, reivindicou a alternativa socialista a un goberno da Xunta “cautivo do paradigma ideolóxico neoliberal”. Un modelo, sinalou, centrado no fortalecemento dos servizos públicos, na modernización da economía galega e na xeración de emprego de calidade para impulsar a reactivación económica “sen que ninguén quede atrás”.
ALCALDE DE VILANOVA
En paralelo, o portavoz socialista dirixiuse ao presidente da Xunta e máximo responsable do PPdeG para reclamarlle que “tome medidas e deixe de poñerse de perfil” fronte aos insultos “con contido vexatorio, machistas e inaceptables” por parte do alcalde de Vilanova contra a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Así o dixo logo de que a Audiencia Provincial de Pontevedra ratificara a condena contra Gonzalo Durán.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero emprazou a Feijóo a “poñer os dereitos das mulleres por riba do PP e da caverna que representa o alcalde de Vilanova”, que “cre que todo vale” e chega a “faltar ao respecto e á dignidade” á presidenta da Deputación de Pontevedra.
Por iso, incidiu, “o presidente da Xunta de Galicia ten que poñer o feminismo por riba dos insultos procedentes do PP da caverna”.