A ministra de Economía participa nunha xornada con axentes económicos e sociais de Galicia “para escuchar de primera mano sus inquietudes y darles respuesta”
Santiago, 21 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este luns en Santiago, xunto coa ministra de Economía, Nadia Calviño, unha xuntanza de traballo cos axentes económicos e sociais de Galicia.
Nese foro, o líder dos socialistas galegos puxo en valor “a importancia dunha política económica activa para orientar o bo funcionamento dos sistemas económicos” e valorou que o goberno socialista en España “sabe combinar a importancia do crecemento con medidas de xustiza social e de defensa do benestar”.
Dito isto, Gonzalo Caballero botou en falta a mesma implicación por parte da Xunta, á que o Estatuto de Autonomía confire competencias en materia de desenvolvemento e planificación económica e industrial, toda vez que non está actuando fronte aos “moitos retos” que temos no país.
“A Xunta carece dunha política económica activa e dunha política industrial que reforce o noso tecido produtivo”, reprobou o máximo dirixente do PSdeG, e fixo fincapé en que non houbo esa implicación nos 11 anos de Feijóo á fronte da Xunta nin aparece agora nos orzamentos recentemente presentados.
“Feijóo di que lle preocupa a industria, pero non fixo nada en 11 anos nin leva un plan de impulso nos presupostos”, criticou Gonzalo Caballero, quen sinalou que hoxe hai en Galicia “menos industria, menos emprego industrial e menos innovación”.
“FALLA DE COMPROMISO INDUSTRIAL”
Ao fío desa “falla de compromiso industrial” do goberno galego, o secretario xeral do PSdeG sinalou que as partidas para solo empresarial e desenvolvemento económico vense reducidas nos orzamentos da Xunta para 2020.
As contas, afondou, “carecen dun eixo para implementar o desenvolvemento industrial en Galicia”, sobre todo, sinalou, “nas bisbarras que necesitan unha maior aposta” por parte dos poderes públicos.
Pola súa banda, a ministra de Economía celebrou poder ter hoxe un encontro con representantes das empresas e dos traballadores “para escuchar de primera mano sus inquietudes”, toda vez que este goberno “está muy atento a las necesidades de los territorios y de la cidadanía”. “Estamos para escuchar y para dar respuesta”, concluíu.
En paralelo, preguntada polos xornalistas sobre as cuestións industriais de Galicia, Nadia Calviño destacou que este goberno “se volcó” nos distintos procesos que foron xurdindo, o que deu resultados positivos, por exemplo, na planta de Alcoa na Coruña.
No caso de Endesa nas Pontes, por exemplo, a ministra de Economía sinalou que se está traballando na busca de “soluciones alternativas” que permitan o mantemento da actividade na bisbarra.
“Lo más importante es que rememos todos en la misma dirección: las empresas, los representantes de los trabajadores, la Xunta, las autoridades locales y el Gobierno de España”, remarcou, convencida de que “lo último que ayuda es la demagogia o echar culpas”. “Vamos a tratar de buscar una solución positiva”, finalizou.