O secretario xeral sinala que Feijóo “leva os recortes na súa mochila” e garante que o PSdeG estará “á altura” para dar a Galicia “o impulso” que necesita para saír desta crise
Santiago, 19 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, aludiu hoxe á decisión “persoal e unilateral” de Feijóo de convocar as eleccións en Galicia para sinalar que non se trata dunha medida “compartida por un país que está centrado na loita contra a covid-19”. “Hoxe Galicia está centrada en seguir gañando a batalla fronte ao virus”, apostilou.
“Feijóo convoca as eleccións con moita présa para non ter que dar contas da súa xestión e vai levar unha sorpresa cando se abran as urnas”, remarcou o líder dos socialistas galegos, quen incidiu tamén en que Feijóo “rachou o consenso” coas forzas políticas para aprazar os comicios por mor da pandemia ao optar pola decisión “persoal” de fixar os comicios para o 12 de xullo.
De feito, Gonzalo Caballero apuntou que “Feijóo debería respectar o que el mesmo publicou no DOG”, en relación a que non se convocarían as eleccións ata que rematase o estado de alarma. “Se pedimos á cidadanía que respecte as normas, el debera ser o primeiro en dar exemplo”, engadiu.
Sobre todo, afondou o máximo dirixente do PSdeG, cando nin os informes nos que tenta ampararse figura o 12 de xullo como a mellor data para celebrar as eleccións. Eses documentos, recordou, recollen “xeneralidades” e mesmo “conclusións contraditorias” entre si, ata o punto de que difiren sobre os momentos nos que se poderían producir repuntes do coronavirus.
Por tanto, Gonzalo Caballero concluíu que Feijóo pretende “pasar de puntillas” pola súa xestión destes meses. Do mesmo xeito, reflexionou sobre que Feijóo pretende obviar como a nosa sanidade pública chegou “con evidentes debilidades” á pandemia tras “once anos de recortes”, sobre o seu modelo de “privatización” das residencias e sobre a súa “incapacidade” en materia económica.
“ESTAMOS PREPARADOS”
En todo caso, o secretario xeral do PSdeG deixou claro que “os socialistas estamos preparados” para trasladar a Galicia un programa que “priorice a reconstrución e que non deixe a ninguén na cuneta”.
Fronte ao PP de Feijóo, que “leva os recortes na súa mochila” e deixa un legado de 70.000 ocupados menos tendo en conta os datos previos á chegada do coronavirus, o PSdeG -destacou Gonzalo Caballero- estará “á altura das circunstancias”.
Trátase, como dixo, de “traballar a carón do país”, do mesmo xeito que o fan os máis de cen alcaldes e alcaldesas socialistas de Galicia, os presidentes das deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e o goberno de España.
“Aí estará tamén o PSdeG”, enfatizou o dirixente dos socialistas de Galicia, antes de asegurar que “centraremos a campaña no que preocupa aos galegos, cun carácter positivo e construtivo”.
De feito, Gonzalo Caballero asegurou que o PSdeG non ten que “dar un xiro” ao programa co que concorría ás eleccións galegas do 5 de abril, senón que fará “un reforzo dos nosos eixos de acción”.
ESTADO DE ALARMA
En paralelo, Gonzalo Caballero fixo un chamamento á “responsabilidade” das forzas políticas para apoiar a prórroga do estado de alarma porque “non podemos tirar pola borda todo o conseguido ata agora”.
Por iso, requiriu a Feijóo que “rectifique”, abandonando a senda da “confrontación” e o “seguidismo” de Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso. “Que faga que os deputados galegos do PP voten a favor do estado de alarma”, reclamou.