O voceiro socialista recámalle “ambición” ao goberno galego para “poñer fondos en mans dos galegos e galegas”
Reclama que se aumente o gasto público para “xerar círculos virtuosos que teñen un efecto multiplicador para sacar ao país da crise económica” no canto de seguir “aferrados aos recortes e á austeridade”
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, pediulle hoxe ao goberno galego que aplique políticas expansivas para impulsar a reactivación económica de Galicia en lugar de seguir “aferrado aos recortes e á austeridade”. “Sexan ambiciosos, abandonen a política de gardar cartos no colchón e de ser rácanos cando peor o están pasando os galegos e as galegas”, pediu hoxe o líder do PSdeG durante o debate do teito de gasto no Parlamento de Galicia.
Caballero lamentou que a proposta da Xunta reduce en 93 millóns de euros as posibilidades de gasto da autonomía galega e reclamoulle ao goberno galego que asuma “que o gasto público é una receita positiva e non un problema”.
Así, lembrou que “podemos levar o teito de gasto a onde conveña a Galicia” xa que “non podemos deixar atrás a ninguén”. Por iso lamentou que o PP siga querendo practicar “as receitas de austeridade en lugar asumir as posibilidades que marca o Goberno de España xunto coas institucións europeas”.
“Poden ter un teito de gasto máis elevado se queren”, remarcou Caballero antes de poner un claro exemplo: “Eliminen a última reforma do imposto patrimonio -que liberaba de pagar impostos a quen máis cartos ten-, deixen de ser os socios dos millonarios e póñanse a traballar polos galegos que necesitan política social, servizos públicos, emprego, crecemento e igualdade”.
Nesta liña, insistiu en reclamarlle ao PP que “non teña medo ás políticas expansivas e non siga aferrado aos recortes e á austeridade” para que “non se volva perder unha oportunidade para reactivar Galicia e que lle dea futuro aos galegos e galegas”.
Ao fío disto, recordou que “seguen sen executar os máis de cen millóns de euros do Fondo Consenso” porque “o PP non ten vontade, nin eficacia nin eficiencia para xestionar fondos públicos na maior crise económica e social”. “Nunca o souberon facer”, enfatizou o dirixente socialista.
A XUNTA ESTÁ AUSENTE
Durante o debate no Parlamento, Gonzalo Caballero denunciou que os galegos e galegas saben que Xunta está “ausente” e que “os deixou orfos”. O motivo é que o Partido Popular “segue refén dos axustes e a austeridade, ten os brazos caídos e non queren impulsar a reactivación dende o goberno”.
Con todo, lembroulle á Xunta que “os orzamentos teñen un papel fundamental para reactivar Galicia a través de catro grandes liñas: o crecemento, o emprego, a igualdade e a cohesión social e a modernización, coa transición ecolóxica e a transición dixital ao fronte”.
Nesa liña, convidou ao PP a sumarse á estratexia do Goberno de España, con dúas grandes apostas: por un lado, a vacinación e, por outro, a reactivación “cun conxunto de políticas económicas de gasto público que permiten mudar radicalmente a orientación das políticas de axuste da dereita”.
Porén, Gonzalo Caballero afeoulles aos populares o seu voto negativo ao decreto do Goberno de España que permitiu o reparto dos fondos europeos.
PROBLEMAS SEN RESPOSTA POR PARTE DO GOBERNO GALEGO
Ao tempo, o líder socialista lembrou que “Galicia ten moitos problemas sen resposta por parte deste goberno”. Puxo como exemplo os que atravesa a sanidade pública, con listas de espera e peches de camas, ou unha educación na que se vai iniciar o curso despedindo a centos de profesores de reforzo.
Tamén fixo fincapé en que Galicia segue á cola en políticas sociais, sendo unha das comunidades con menos persoal e menos gasto social por habitante, e na que “hai risco de pobreza e de desigualdade por mor da crise”.
Neste escenario, Gonzalo Caballero reclamou que sigan activando apoios fiscais aos sectores afectados pola pandemia. “Hai moitas familias que teñen que pechar os seus negocios”, explicou, “e o goberno ten que dar axudas e achegar fondos para axudalas”.
Reclamou, asemade, que se aumente o investimento en I+D+I e que se leve o gasto en Ciencia ao 1,5 por cento do PIB en Galicia ou tamén que se incremente o investimento en Cultura até o 1 por cento dos orzamentos da Xunta
“Non sigan recortando”, reclamou, porque “os mozos de Galicia queren ter futuro no país” mentres, por contra, o PP “rexeita un plan de emprego con 10 millóns de euros e que podía xerar este ano 3.000 postos de traballo”. Para concluír, Gonzalo Caballero lembrou tamén que “as mulleres necesitan políticas de igualdade e de conciliación para saír da crise”.