O secretario xeral reclama a Feijóo a destitución de Telmo Martín tras advertirlle de que “non asumir responsabilidades” ante a corrupción foi o que acabou coa vida política de Rajoy
Cambre, 16 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu este sábado a Cambre para participar na inauguración da nova sede socialista. Dende alí apostou por “marcar unha folla de ruta intensa para Galicia” nun momento no que Feijóo está “medindo os seus tempos” para decidir se marcha para Madrid.
Neste contexto, o líder dos socialistas galegos urxiu ao presidente a “aclarar inmediatamente” o seu futuro, posto que “ten o deber” de “dar estabilidade a Galicia”. “Os galegos necesitamos saber se se vai manter no país ou vai deixar Galicia para facer promoción dentro do PP”, recalcou.
Nesa liña, Gonzalo Caballero advertiu a Feijóo de que non pode nin manterse como presidente da Xunta nin intentar liderar o PP en España “se non aborda o problema da corrupción con claridade” e “dá mostras de exemplaridade política”.
“Rajoy non asumiu as responsabilidades da Gürtel e custoulle o fin da súa vida política”, recordou o líder dos socialistas galegos, para criticar que Feijóo tampouco o ten feito e que está tratando de impedir que se fale da condena ao PP no Parlamento de Galicia.
“Ten que apostar pola rexeneración”, recalcou Gonzalo Caballero, quen reclamou a Feijóo que “asuma a súa responsabilidade” e tome “medidas que impliquen a retirada de Telmo Martín como alcalde de Sanxenxo” tras ser condenado polo Tribunal Supremo por fixar sobreprezos en vivendas públicas.
INAUGURACIÓN SEDES
Á inauguración da nova sede do PSOE de Cambre asistiu á executiva local encabezada polo seu secretario xeral, Miguel Anxo Gutiérrez Nieto, ademais de membros da dirección do PSdeG como Pablo Arangüena, Juan Evaristo Rodríguez, Alberto Monedero, Diego Taibo, Pablo López Vidal e Daniel Chenlo; a deputada e vicesecretaria xeral do PSOE na provincia da Coruña, Begoña Rodríguez Rumbo; e o coordinador do PSOE na comarca, Yago de Ron.
“Estamos recuperando o músculo político para abrir un novo tempo en Galicia”, enfatizou Gonzalo Caballero, quen esta tarde participará tamén na apertura da nova sede do PSOE en Sada.