O portavoz parlamentario sinala que o peche “non foi por criterios técnicos, senón pola política dun goberno indolente e sen empatía, que non sofre cos recortes nin se pon do lado da veciñanza”
O líder dos socialistas galegos asegura que “cando os galegos poñan un goberno progresista na Xunta, garantiremos os medios técnicos e humanos para reabrir o paridoiro con todas as garantías”
Santiago, 18 de decembro de 2019. O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, preguntou hoxe a Feijóo no Parlamento polo peche do paridoiro do Verín, unha cuestión que cualificou como “un ataque á sanidade pública e ao medio rural” e unha mostra máis da “falta de credibilidade” do presidente, que pasou de aducir “falla de seguridade” nos partos a obxectar que non hai pediatras para manter o servizo.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero recordoulle que “chegou a dicir nesta Cámara que todos os pediatras e xinecólogos da área sanitaria de Ourense respaldaban esa decisión”, unha nova “mentira” á vista das declaracións públicas feitas por distintos médicos nestes días.
“O paridoiro pecha por unha cuestión de xestión, de recortes, de quitar un dereito a unha zona rural e deprimida polo custe que supón”, leu o líder dos socialistas galegos dunha entrevista ao xefe de xinecoloxía de Verín, e engadiu do seu homólogo en Valdeorras: “Están mentindo, están metendo medo sobre a calidade da asistencia nos comarcais sen dar ningún dato”.
“Os médicos negan o seu criterio”, recalcou Gonzalo Caballero, para esixir a Feijóo que “rectifique a decisión política” de pechar o paridoiro de Verín e que “cese” aos seus responsables; ou que do contrario aclare se “vai pechar os paridoiros de todos os hospitais comarcais”, xa que en ningún dos sete se chega aos 600 partos anuais que referiu a Xunta para dar o servizo “con seguridade”.
Así as cousas, o candidato socialista á Presidencia da Xunta reafirmouse en que o peche do paridoiro de Verín “non foi por criterios técnicos, senón pola política dun goberno indolente e sen empatía, que non sofre cos recortes nin se pon do lado da veciñanza” e lamentou que Feijóo se negue a dar marcha atrás.
“É vostede un inimigo do sistema sanitario público”, espetoulle Gonzalo Caballero, crítico coa posición “ultraconservadora” de Feijóo coa que “confronta ata Baltar”. E, á vista da negativa de Feijóo a “desculparse” e reabrir o paridoiro de Verín, advertiulle de que esta decisión “marca xa o fin da súa etapa á fronte da Xunta”, á vista de que os seus ataques ao servizo público son xa “un clamor en toda España”.
“É HORA DO CAMBIO”
“Os galegos non o van perdoar”, remarcou o secretario xeral do PSdeG, e garantiu que “cando os galegos poñan un goberno progresista na Xunta, garantiremos os medios técnicos e humanos para reabrir o paridoiro de Verín con todas as garantías”.
“É hora do cambio, porque cada día que pasa é vostede un problema máis grave para os galegos”, concluíu Gonzalo Caballero, antes de reprobar que Feijóo acuda á Cámara para falar das melloras na sanidade pública. “Vive vostede na Arcadia feliz”, remachou.