O líder do PSdeG sinala que cómpre dar atención “prioritaria” a parados de longa duración, mulleres e mocidade para “saír cohesionados” desta crise
O concelleiro socialista de Poio Gregorio Agís destaca as actuacións municipais impulsadas durante a primeira metade do mandato, con xestións “imprescindibles” para facer realidade “demandas históricas”
Poio, 15 de xullo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu este xoves a Feijóo que poña en marcha “inmediatamente” axudas económicas para os sectores que se vexan afectados polas restricións encamiñadas a frear a quinta onda da pandemia.
“Feijóo está gardando centos de millóns de euros nas contas da Xunta”, subliñou o líder do PSdeG, en alusión aos 1.100 millóns de euros extraordinarios que o goberno de España consignou para Galicia, antes de recalcar que “é indigno que, habendo fondos, non se poñan nas mans dos sectores que o están pasando tan mal”.
Neste senso, Gonzalo Caballero recordou que o PSdeG “sempre” mantivo unha posición “responsable” con respecto ás medidas que se foron poñendo en marcha dende a Xunta para loitar contra a covid. “Nunca cuestionamos as restricións por non xerar confusión, pero cómpre apoiar aos afectados polas limitacións”, recalcou.
Dito isto, o dirixente socialista sinalou que só venceremos á pandemia “cumprindo os protocolos” e seguindo a estratexia de vacinación marcada polo goberno de España, que está sendo “un éxito” a pesares de que Feijóo dicía que non comezaría ata o segundo trimestre deste ano e de que o BNG suxería vacinas rusas, cubanas e chinas.
“SAÍR COHESIONADOS DA CRISE”
Ademais, Gonzalo Caballero puxo o foco na importancia de “saír cohesionados” desta crise, polo que chamou a converter en focos de atención “prioritaria” os parados de longa duración, as mulleres e a mocidade.
Precisamente por iso, criticou que o PP non aceptara a súa proposta dun plan de emprego xuvenil para 3.000 mozos ou as medidas formuladas polo PSdeG para apoiar de xeito preferente a estes colectivos.
REFORZO DOS SERVIZOS
Foi o mesmo resultado que tiveron as propostas que o PSdeG levou á comisión de reactivación para impulsar os servizos públicos, e que tamén recibiron o voto en contra do PP de Feijóo. Foi o caso, recordou, da iniciativa que reclamaba 5.000 novas prazas no Sergas.
E mentres suben as listas de agarda para operacións e especialistas e a xente ata ten que esperar “10 ou 15 días” para ver ao médico de cabeceira, criticou, “a Xunta pecha 600 camas de hospital”.
“ALIADOS DE POIO”
Pola súa banda, o voceiro socialista en Poio, Gregorio Agís, destacou as actuacións impulsadas polos socialistas no goberno local durante a primeira metade do mandato; un período no que se levaron a cabo xestións “imprescindibles” para facer realidade “demandas históricas” no concello.
Así, destacou a consecución de fondos e o peche de acordos “en tempo récord” para levar adiante a nova depuradora, cuxa entrada en funcionamento se prevé xa para 2023. Do mesmo xeito, resaltou o avance nas negociacións co Ministerio de Defensa para a transferencia da illa de Tambo ou as medidas de aforro enerxético que xa permitiron ao concello aforrar preto de 400.000 euros.
Tamén puxo sobre a mesa o labor dos concelleiros socialistas na reactivación da mesa de traballo do PXOM e á hora de conseguir fondos europeos, na medida en que permitiron acometer melloras nos edificios do pavillón, o ximnasio ou o consistorio, e melloras das contornas tradicionais, como en Xuviño ou no paseo de marítimo de Raxó en Siorto.
A maiores, Gregorio Agís fixo referencia a reforma do Pazo de Besada, onde se situarán os servizos sociais municipais, así como a humanización da Seara e Lameiriña e o proxecto de mobilidade amable dende A Puntada ata Portosanto e Saíñas solicitado á Deputación de Pontevedra.
Tralo repaso á acción municipal, lamentou que a Xunta non se comprometa intensamente coa mellora necesaria na PO-308, que si está arranxada ata Sanxenxo. “Poio merece outro trato”, subliñou, sen esquecerse de que o goberno galego “xa prometera en 2015 unha vía alternativa” que permitise desconxestionar A Barca co vial do Bao.
En paralelo, criticou que o goberno galego “non se comprometa co novo centro de saúde de Poio, que é moi necesario”; unha cuestión que foi avalada polo líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.
De feito, logo de poñer en valor “a gran tarefa” levada a cabo polos socialistas no goberno de Poio e o apoio que está supoñendo a Deputación de Pontevedra, sinalou que o PSdeG, a través da deputada Paloma Castro, está levando ao Parlamento iniciativas a prol da mellora dos servizos públicos de Poio, para impulsar o polígono industrial e para mellorar as súas infraestruturas.
“Fronte a un Feijóo que non cumpre, os e as socialistas somos os mellores aliados de Poio”, recalcou Gonzalo Caballero.