O voceiro socialista chama a encarar a reconstrución de Galicia “a carón dos representantes dos traballadores” e sinala que “o pretendido xiro keynesiano” de Feijóo “deixa espida a súa política de recortes” dende hai 11 anos
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na comisión de reconstrución durante a comparecencia dos secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CC.OO., Ramón Sarmiento. Nese foro, chamou a encarar a recuperación de Galicia “a carón dos representantes dos traballadores”.
De feito, Gonzalo Caballero requiriu “diálogo social” para corrixir a perda de emprego en Galicia, toda vez que, como sinalou, hoxe hai en Galicia 74.000 persoas ocupadas menos que cando Feijóo chegou á presidencia. “Pese a que o PP gústalle moito colocarse a medalla do emprego”, recalcou.
Neste senso, o líder do PSdeG subliñou que “temos que facer políticas anticíclicas” fronte ao risco de que a crise actual se convirta “nunha depresión máis profunda”. Ao fío disto, ironizou co “pretendido xiro keynesiano” de Feijóo a través da alza dos orzamentos, un xiro que “deixa espida a súa política de recortes” dende hai 11 anos.
Ao respecto dos orzamentos da Xunta, Gonzalo Caballero criticou “a perda de peso relativo” da sanidade e a educación públicas nas contas do goberno galego para o ano que vén e reclamou un “fortalecemento” do estado do benestar “para que ninguén quede atrás”.
CONCERTACIÓN E FONDOS EUROPEOS
Finalmente, o máximo dirixente do PSdeG sinalou a “falla de avance” no diálogo social que comprometeu o presidente da Xunta logo das últimas eleccións autonómicas.
Ademais, inquiriu aos líderes sindicais sobre se o goberno galego os contactou ao respecto dos fondos cos que aspira a captar proxectos europeos.