O líder do PSdeG destaca o compromiso progresista do goberno socialista de Asturias e sinala “a alianza e coincidencia”entre socialistas galegos e asturianos ante as necesidades do noroeste peninsular
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Oviedo para manter unha xuntanza de traballo co seu homólogo en Asturias, Adrián Barbón, tamén presidente do Principado.
Deste xeito, logo de sendas visitas de Barbón a Santiago e a Lugo, ambos concordaron na necesidade de afondar nunha “axenda común” que dea “solucións aos retos de Galicia e Asturias”.
Así, entre outras cuestións, ambos dirixentes socialistas falaron dos retos da desescalada, nun momento no que cómpre seguir incidindo na vacinación e mantendo a prudencia para evitar unha nova onda da pandemia.
Neste punto, Gonzalo Caballero sinalou o “compromiso progresista” do goberno de Asturias como unha referencia que debería ser seguida polos gobernos autonómicos conservadores como o de Galicia. Entre outras cousas, sinalou que Asturias é a comunidade na que se está levando a cabo a vacinación con maior “axilidade”.
“Vacinación, vacinación e vacinación e prudencia para non dar pasos atrás”, defendeu o dirixente socialista galego.
“PROGRESO E BENESTAR”
Ao fío disto, o máximo responsable do PSdeG puxo de relevo a estratexia de fortalecemento dos servizos públicos e, nomeadamente, da sanidade pública que leva adiante o goberno asturiano.
“Fronte ás políticas conservadoras e de recortes do PP, as políticas de progreso e benestar do executivo de Adrián Barbón son unha referencia para o noroeste de España”, apostilou Gonzalo Caballero, para avogar por saír desta crise “de xeito distinto” a como se fixo na anterior.
FINANCIAMENTO AUTONÓMICO
Tamén abordaron a importancia do financiamento autonómico para reivindicar que “todas as persoas teñan as mesmas posibilidades de acceder aos servizos públicos con independencia do lugar no que residan”.
Neste senso, Gonzalo Caballero apostou por que se teña en conta o custe de prestar os servizos públicos en poboacións envellecidas e dispersas como teñen Galicia e Asturias. “A España que queremos é a da cohesión social e territorial”, remarcou. “Socialistas galegos e asturianos constituímos unha alianza e coincidimos nos retos do financiamento autonómico”, concluíu.
Así mesmo, o responsable do PSdeG sinalou como outro dos “retos comúns” de Galicia e Asturias e do noroeste peninsular o impulso da demografía, do mesmo xeito que o compromiso coa xente moza para darlle “oportunidades de futuro”.