O secretario xeral chama ás dereitas a “poñerse detrás do goberno e recoñecer a importancia” do paso dado hoxe “se non queren ter convivencia nin conivencia coa extrema dereita”
Pontevedra, 24 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este xoves en Pontevedra nun acto para a defensa e a reivindicación da memoria histórica, coincidindo coa retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos. Dende alí, sinalou que “hoxe é un día para a lembranza” porque levar a cabo, como comprometeu o goberno socialista, a exhumación de Franco “fai de España un país democrático e máis xusto”.
“Hoxe é un día para a lembranza de tantos cidadáns que loitaron pola democracia en épocas de moita dificultade e, dende logo, para poñer en valor que os socialistas estamos convencidos de que a retirada do ditador do Val dos Caídos era unha decisión necesaria que nos fai vivir nun país máis avanzado, nun país que corrixe as súas eivas o seus defectos no funcionamento democrático”, agregou Gonzalo Caballero.
“Defendemos a transición política: España ten unha democracia avanzada, pero esta era unha asignatura pendente”, remachou o líder dos socialistas galegos, dende a reflexión de que “a democracia é algo vivo que hai que seguir construíndo con cada decisión, en cada momento político”.
Defendeu o máximo dirixente do PSdeG, por tanto, unha decisión comprometida polo executivo socialista -e que conta cos parabéns dos poderes lexislativo e xudicial- que se leva adiante “con espírito de consenso e de reconciliación, sen ningún tipo de rancor ou de odio” pero tamén “coa necesidade de facer xustiza, de poñer en valor a memoria histórica do noso país e de perfeccionar o noso modelo democrático”.
Neste marco, Gonzalo Caballero chamou ás dereitas a “poñerse detrás do goberno e recoñecer a importancia” do paso dado hoxe “se non queren ter convivencia nin conivencia coa extrema dereita”. “Que aproveiten a oportunidade para respaldar ao goberno e para non chegar sempre tarde aos avances deste país”, engadiu, e requiriu directamente a Feijóo que “así o faga” tras lamentar a postura da dereita en debates importantes para o país como o aborto, o matrimonio homosexual ou a eutanasia.
ACTO EN PONTEVEDRA
Canto ao acto celebrado en Pontevedra, Gonzalo Caballero destacou a figura de Marica Adrio, número dous ao Senado pola provincia e familiar de varios homes que foron represaliados en 1936.
“Representa ese socialismo que, ao longo de moitas xeracións, loitou pola democracia, por poñer fin á etapa da ditadura e por construír o modelo constitucional no que vivimos”, concluíu.
Pola súa banda, a propia Marica Adrio aplaudiu a exhumación de Franco, porque “ningunha democracia que se precie pode ter un ditador nun mausoleo para que se lle renda homenaxe”.
O encargado de abrir o acto, que rematou cunha homenaxe fronte ao monolito que homenaxea a 10 homes fusilados en 1936, foi o secretario provincial do PSOE en Pontevedra, David Regades.
Tras recordar os seus nomes, celebrou que “a ferida que estaba aberta, hoxe comeza a pecharse” porque “España escribe unha fermosa páxina de democracia histórica”. “Hoxe a democracia española saca unha lousa de enriba”, valorou.
A continuación, María Ferreirós, responsable de Memoria Histórica da agrupación provincial do PSOE de Pontevedra, expuxo o seu desexo de que hoxe comece “un camiño que leve á reparación e á xustiza” da memoria dos que foron asasinados.
Ademais, a secretaria local do PSOE de Pontevedra, Maica Larriba, tivo palabras de lembranza para as 200.000 vítimas que aínda están nas cunetas e expresou o seu desexo de que poidan ser enterradas “con dignidade”.