O secretario xeral deixa claro que o estado de alarma é un mecanismo constitucional previsto para afrontar epidemias e destaca a súa “utilidade” nestes momentos
O líder do PSdeG subliña “os riscos” de retirar o estado de alarma durante a desescalada tanto para a saúde como no eido da protección social e económica articulada polo goberno de España
Santiago, 4 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou hoxe a “irresponsabilidade” amosada por Feijóo ao opoñerse a unha prórroga do estado de alarma, un mecanismo previsto na Constitución para afrontar epidemias e crises de saúde pública e que está sendo “útil e efectivo” para frear os contaxios da covid-19.
“Os socialistas galegos cremos fundamental manter o estado de alarma para non retroceder no conseguido”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, quen fixo fincapé na importancia de “manter a cautela” e de “actuar con prudencia” cando “estamos gañando a batalla” ao virus.
É por iso que Gonzalo Caballero lamentou a “actitude irresponsable” de Feijóo ao “antepoñer os intereses do PP e de Pablo Casado á saúde da poboación” e esixiulle que aclare “cal é a súa estratexia” e a que “intereses ocultos” obedece.
Neste senso, o líder dos socialistas galegos sinalou que Feijóo pretende “liderar aos baróns do PP na estratexia de confrontación contra o goberno de España”, co obxectivo final de “derrocalo” da man da ultradereita de Vox. “É unha oposición irresponsable que quere chegar ao poder con atallos”, evidenciou.
“O PSdeG non será cómplice da enorme irresponsabilidade de opoñerse ao estado de alarma”, advertiu Gonzalo Caballero, consciente dos “enormes riscos” que entrañaría para a saúde da poboación e tamén para “o escudo de protección” construído polo goberno de España para combater as dificultades derivadas da extensión da pandemia nos eidos social e económico.
“NON QUERE RENDER CONTAS”
Dito isto, o secretario xeral do PSdeG lamentou “a actitude impropia” dun Feijóo a quen “a responsabilidade e a lealdade” da oposición concedeulle a posibilidade de seguir gobernando para facer fronte á pandemia.
Porén, sinalou, Feijóo pretende “non ter que render contas”, á vista de que leva máis dun mes sen comparecer no Parlamento e de que incumpriu xa en tres ocasións -a última, onte- o seu compromiso de reunirse cos líderes do resto de forzas políticas.
“Escapa de que poida haber unha análise sosegada e un debate sobre aspectos como os recortes na sanidade pública galega e a privatización do modelo de residencias”, apuntou, para sinalar o efecto destas cuestións na propagación do coronavirus.