O secretario xeral do PSdeG reclama que se convoquen durante esta lexislatura 5.000 prazas estables para sanitarios despois de que o Conselleiro recoñecera listas de espera en Atención Primaria
Gonzalo Caballero participou hoxe na concentración en defensa da sanidade pública no centro de saúde de Baltar en Sanxenxo tras os ataques de Telmo Martin aos profesionais sanitarios
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo de relevo hoxe os 828 millóns de euros que vai recibir a Xunta de Galicia procedentes do fondo anticovid activado polo Goberno de España. O líder socialista lembrou que Galicia vai ser a quinta comunidade do estado que máis cartos reciba, e reclamoulle ao goberno galego que “aproveite esta importante cantidade para fortalecer os servizos públicos en Sanidade, Educación ou Servizos Sociais”.
Gonzalo Caballero fixo estas declaración na concentración en defensa da sanidade pública en Sanxenxo para denunciar os problemas de xestión e a presión asistencial que padece o centro de saúde de Baltar, onde cómpre máis profesionais sanitarios.
Neste escenario, o mandatario socialista indicou que “é necesario que exista una mobilización masiva en Galicia para defender una sanidade pública de primeira e para non permitir a situación tan complexa que está a sufrir a sanidade pública e especialmente a Atención Primaria”.
CONTRATAR A MÁIS PROFESIONAIS
Esa situación complexa provoca, por exemplo, que o 20 por cento dos galegos e as galegas teñan que esperar máis de catro días –e en moitos casos ata 15- para acadar unha cita no médico de cabeceira, “o que non é de recibo para un país do sećulo XXI”.
Ademais, Gonzalo Caballero lembrou que “neste verán a Xunta pecha 600 camas en hospitais galegos, que existen máis listas de agarda para quirófanos e especialistas ou que o Colexio de Médicos de Pontevedra vén de denunciar a dirixentes da Consellería pola saturación existente en Atención Primaria”.
Por iso “é necesario que a Xunta poña os fondos necesarios para fortalecer a sanidade, para cubrir as vacacións e conseguir que o sistema sanitario poida seguir funcionando, ao tempo que moitos profesionais teñen que estar vacinando”.
Con ese obxectivo, o mandatario socialista lembrou que o fondo anticovid do Goberno de España é “unha oportunidade para dar solución a esta situación tan preocupante” e para “fortalecer a Atención Primaria e para contratar máis profesionais”.
“NON PODEMOS SEGUIR RETROCEDENDO”
“Non podemos seguir retrocedendo”, alertou Caballero, ao tempo que reclamou “un compromiso firme para acompañar aos profesionais e dar contratos estables”.
Nesta liña, remarcou que “é necesario sacar durante esta lexislatura 5 mil prazas estables para profesionais sanitarios para cubrir baixas ou xubilacións e impedir que sigan existindo listas de espera en Atención Primaria, o cal é un atentado contra os dereitos sanitarios dos galegos e as galegas”.