O secretario xeral do PSdeG participa en Madrid na conferencia polo 40 aniversario de Izquierda Socialista e aborda con José Luis Rodríguez Zapatero a necesidade de avanzar en dereitos sociais
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe na conferencia celebrada polo 40 aniversario de Izquierda Socialista en Madrid, onde defendeu “unha reactivación con xustiza social” a través de políticas progresistas.
Neste marco, o líder do PSdeG salientou “o papel fundamental” do Partido Socialista “para construír unha sociedade en liberdade, igualdade e tolerancia fronte a unha dereita e ultradereita que implican un gran retroceso”. Ademais, Gonzalo Caballero abordou co presidente José Luis Rodríguez Zapatero a importancia de fortalecer os dereitos e a protección social “para acadar unha saída da crise con cohesión social”.
“Somos a esquerda útil aos galegos e galegas”, reivindicou o máximo dirixente do socialismo galego, quen sinalou que, dende o PSdeG, “imos defender unha reactivación con igualdade, xustiza social e servizos públicos” e sempre “poñendo o foco e pensando nos galegos e nas galegas”.
“É importante ter claro por onde queremos saír desta crise”, alertou, xa que “podemos saír pola dereita, aplicando políticas de recortes e retrocesos, ou podemos saír pola esquerda, mantendo políticas de progreso, de benestar e pensando nas persoas”.
Fronte á unha dereita conservadora “que fai da política da inacción e do conflito a súa bandeira, deixando en orfandade á cidadanía galega no seu día a día”, o líder do PSdeG defendeu “unha reactivación pensando na cidadanía para non dar un paso atrás na consecución de dereitos sociais e facer avanzar o noso país”.
Ao fío disto, o dirixente socialista reivindicou “o traballo do goberno progresista de España, liderado polo presidente Pedro Sánchez” e salientou como, nesta crise, “Europa cambiou o paradigma conservador da política económica”.
O secretario xeral do PSdeG aproveitou a súa intervención ante Izquierda Socialista para defender “o papel clave” da militancia, a importancia do debate de ideas, así como a necesidade de ter un Partido Socialista “forte” para apoiar ao goberno de España ao inicio deste curso político.
Na conferencia desenvolvida ao longo deste fin de semana en Madrid participaron, ademais de Gonzalo Caballero, a presidenta do PSOE, Cristina Narbona; a ministra de Xustiza, Pilar Llop; o presidente José Luís Rodríguez Zapatero; ou exvicepresidenta Carmen Calvo.