O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, presidiu a Comisión Interparlamentaria que reuniu hoxe en Compostela aos representantes dos socialistas galegos na Cámara autonómica, Congreso, Senado e Parlamento europeo. A xuntanza deu inicio á configuración dunha “folla de ruta” para configurar unha alternativa que lle dea “voz ás demandas de cambio dende as políticas progresistas”.
Anunciou unha axenda de encontros regulares que terán continuidade no mes de xaneiro para terminar de perfilar a liña de actuación neste “novo tempo político” para os socialistas galegos. Os parlamentarios e senadores presentaron, explicou, as liñas centrais de debate nos seus órganos, como son a dinámica económica, orzamentos, gobernanza, financiamento autonómico ou políticas de emprego.
O líder dos socialistas galegos anunciou un proxecto alternativo a un PP que “carece de estratexia e de acción política de fondo para os galegos e galegas”. Acusou ao presidente da Xunta de demostrar “moita propaganda e presenza pública pero moita mais ineficacia e ineficiencia” na xestión das políticas públicas da súa competencia, que teñen debilitado a posición social, económica e demográfica de Galicia.
Advertiu que a “mestura de poder entre Mariano Rajoy e Núñez Feijóo en temas fundamentais como as infraestruturas teñen demostrado unha axenda esquecida e perdida”. Aludiu neste sentido á exclusión de Galicia da conexión da rede noroeste de tráfico de mercadorías por ferrocarril con Europa, na que si se atopan Portugal e o País Vasco.
Financiamento
Asignoulles un “balance negativo” aos gobernos da dereita por canto “incumpren o seu compromiso de presentar antes de finais de ano un modelo de financiamento autonómico máis xusto, máis solidario e máis axustado ao novo tempo”. Adiantou unha nova xornada de traballo do PSdeG en dúas semanas para perfilar “o financiamento xusto que a Galicia do futuro necesita, e que Feijóo e Rajoy están esquecendo”.
Esta é, dixo, a situación de Galicia nun contexto estatal no que o PSOE está a demostrar un “novo ciclo político de recuperación e ascenso” para situarse como alternativa ao goberno de Rajoy. Advertiu que os socialistas están a demostrar unha posición fortalecida logo da crise económica e social.
Sinalou a posición do partido diante da situación de Cataluña, na que foi quen de garantir a defensa do Estado de Dereito e do cumprimento das normas democráticas coa alternativa e as críticas ao goberno do PP.