O secretario xeral recibe o informe do comité de expertos de sanidade, que receita incrementar o persoal, mellorar a Atención Primaria e compromiso cos hospitais comarcais
Santiago, 22 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, recibiu hoxe da man da ex-conselleira de Sanidade María José Rubio as conclusións do comité de expertos sanitarios constituído a raíz da crise da covid-19. O comité configurado por 50 expertos sanitarios recibiu achegas de diversos colectivos e profesionais que se concretan nun informe que analiza a situación da nosa sanidade pública, o impacto do coronavirus en Galicia e os cambios a acometer para preservar e optimizar o sistema.
O obxectivo deste informe, que tamén recibiu Xoaquín Fernández Leiceaga como coordinador do programa electoral do PSdeG, é -como explicou Gonzalo Caballero- “presentar o mellor proxecto de goberno no eido sanitario”. “Queremos avanzar cara un novo modelo sanitario que fortaleza as posibilidades do sistema e que dote a Galicia dunha sanidade pública para o século XXI”, subliñou.
O documento derivado das contribucións dos profesionais sanitarios e de expertos en xestión como Ramón Medina, ex director xeral de Saúde Pública, pon o foco na falla de persoal e de orzamentos como consecuencia dunha década de recortes por parte de Feijóo. De feito, pon o foco na perda de máis de 1.100 profesionais en atención primaria e contrasta as “sucesivas” condenas por contratacións fraudulentas no Sergas cun nivel de estabilidade por riba do 90% que se acadou co goberno liderado por Emilio Pérez Touriño.
Precisamente desa etapa, no documento figura como o orzamento sanitario aumentou un 34% con respecto aos gobernos anteriores do PP na Xunta, que deixaron unha débeda de máis de 400 millóns de euros no Sergas saneada polo goberno progresista. Ata o punto, engádese, que en catro anos convocouse unha oferta pública de emprego de 5.000 prazas e realizouse o primeiro concurso de traslados no Sergas.
A chegada de Feijóo á Xunta cunha política de recortes na sanidade pública, recolle o informe, derivou en “acumulacións de esperas” incluso na atención primaria, en “saturacións dos servizos de urxencia”. Canto á situación do persoal, ademais, recolle a “conflictividade” que existe na atención primaria, con “folgas constantes” e ata “dimisións en bloque” como as que se produciron dos xefes de servizo da área sanitaria de Vigo.
BATALLA CONTRA A COVID
Nesta “situación límite” para o Sergas chegou Galicia á crise da covid-19. A nosa comunidade, reflicte o documento, “beneficiouse das medidas tomadas polo goberno para todo o Estado”, como o confinamento, toda vez que a expansión da pandemia estaba nunha fase “incipiente”.
Porén, en canto á situación do Sergas, refiren unha atención primaria “minusvalorada, minguada de recursos persoais e materiais”, unha grande precariedade laboral fundamentalmente en colectivos como a enfermería ou as ambulancias e “vacíos” na organización das urxencias, entre outras cuestións.
Por iso, o comité de expertos do PSdeG refire que “precisamos dunha xestión eficiente, dun afrontamento dos retos que o sistema ten por diante xa no día de hoxe e dunha visión transformadora para os vindeiros anos que permita deseñar un sistema público eficiente, sostible, coa máxima calidade e resolutivo”.
Coa vista posta no futuro, os expertos formulan a necesidade de traballar na estabilidade do persoal dun xeito “planificado”; de converter a atención primaria no “eixo fundamental” do sistema, con máis profesionais e máis medios; e apostar polo reforzo dos hospitais comarcais.
COMPROMISO SOCIALISTA COA SANIDADE PÚBLICA
Así as cousas, Gonzalo Caballero recordou que “os socialistas galegos sempre defendemos e defenderemos a sanidade pública”, e garantiu que “un goberno progresista en Galicia rearmará o sistema sanitario público” tras “once anos de recortes do PP de Feijóo”.
Por iso, o líder dos socialistas galegos garantiu que se ofertarán contratos estables para todos os profesionais sanitarios dispoñibles, o fortalecemento da atención primaria, o mantemento e ampliación dos servizos dos hospitais comarcais. “Esa vai ser a nosa folla de ruta á fronte da Xunta”, recalcou.