O secretario xeral destaca que Ángel Mato “está facendo un traballo inxente para o rexurdimento que Ferrol necesitaba” e promete o traballo de todos os socialistas para “superar os anos escuros” da cidade
Ferrol, 20 de setembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este venres unha xuntanza de traballo co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, para abordar o traballo que está levando a cabo o goberno municipal e a implicación das distintas administracións nas necesidades da cidade.
Dende alí, o líder dos socialistas galegos puxo en valor “o compromiso histórico” do goberno socialista de España con Ferrol, que se concreta na construción de cinco fragatas -“a maior inversión do Estado en Galicia tralo AVE”- e na adxudicación dos jackets para a industria eólica en Navantia.
“Ferrol está no foco de preocupación do goberno socialista”, recalcou Gonzalo Caballero, quen puxo en valor tamén “o inxente traballo” que está levando adiante o consistorio.
Fronte a esta aposta dos socialistas pola cidade departamental, que se complementa co apoio da Deputación da Coruña, o máximo dirixente do PSdeG situou o “desleixo” e o “abandono” por parte da Xunta. “Feijóo non cumpriu con Ferrol, foi unha década perdida e un funeral para a cidade”, lamentou.
De feito, Gonzalo Caballero sinalou o “fracaso” do goberno de Feijóo na falla de desenvolvemento da política industrial, na ausencia de novas dotacións para os servizos públicos e nos retos pendentes en materia de saneamento e infraestruturas. “A Xunta ten que deixar de darlle as costas a Ferrol”, incidiu.
Precisamente por iso, o alcalde, Ángel Mato, manifestou o seu desexo de que a próxima visita de Gonzalo Caballero a Ferrol sexa como “presidente da Xunta”, á vista do seu “compromiso coa cidade” e da súa “comprensión dos problemas”.
“SUPERAR OS ANOS MÁIS ESCUROS”
Pola súa banda, o candidato socialista á Presidencia da Xunta destacou que “Ángel Mato é o alcalde que Ferrol necesitaba”, á vista do seu traballo “para o rexurdimento da cidade” en coordinación coa Deputación da Coruña e o goberno de España.
“Os socialistas temos un proxecto conxunto para superar os anos máis escuros de Ferrol”, asegurou Gonzalo Caballero, quen amosou a súa disposición para colaborar na chegada dese “novo ciclo político” de “impulso” para a cidade naval.
Na xuntanza, na que se trataron cuestións como a candidatura de Ferrol á Unesco, a súa necesaria revitalización turística ou as dificultades dos centros escolares da cidade, entre outros asuntos, estiveron presentes tamén o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o voceiro do goberno municipal Julián Reina.